Pestanas principais

SOGAPS instalará este sábado un posto solidario no mercado de Bertamiráns para recadar fondos

Venres, 27 de decembro de 2024

Este sábado, 28 de decembro, a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) instalará un posto solidario no mercado de Bertamiráns. Permanecerá aberto ao público de 16:00 a 20:00 horas, co obxectivo de darlle visibilidade ao programa de Vacacións en Paz, que permite a nenos/as saharauís ser acollidos por unha familia galega durante dous meses de verán. Ademais, necesítase axuda económica para sufragar os billetes de avión dos nenos e nenas que participan en dito programa e pasan os meses de verán en concellos galegos.

Cada sábado os postos do mercado de rúa de Bertamiráns esténdese en torno á praza do Concello (polas rúas do Ameneiral e Entrerríos). Este sábado, 28 de decembro, a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí montará un posto solidario para achegar información sobre o programa Vacacións en Paz, que permite a acollida de infancia saharauí durante os meses de verán de 2025. Ademais, precísase de axuda económica para poder sufragar a estadía destes nenos e nenas saharauís en Ames e no resto de concellos galegos.

Esther Ybarra, responsable da asociación na comarca, explica que “en breve comezaremos a campaña de busca de familias para o programa Vacacións en Paz 2025, pero ademais, na actualidade necesitamos axuda económica para este programa. A finais do pasado mes de setembro houbo unhas grandes inundacións que derrubaron numerosas infraestruturas, tanto de vivendas particulares como de asistencia á comunidade, e provocaron a evacuación de máis de 600 familias. Debido a isto os cartos que tiñamos reservados para o programa Vacación en Paz 2025 tivemos que dedicalos a esta emerxencia humanitaria”.

Esther Ybarra engadiu “en Ames temos a sorte de que o Concello paga todos os billetes de avión dos nenos e nenas que son acollidos por familias amesás, pero hai outros Concellos que non poden asumir todo o gasto dos billetes, por iso necesitamos esta axuda económica. Dende SOGAPS traballamos para que se hai familias acolledoras, ningún neno ou nena se quede nos campamentos e non poida vir a pasar uns meses con nós. En 2024 viñeron 300 nenos e nenas, pero traballamos para tratar de que veñan o máximo número de nenos/as, se poden vir 350 ou 400 moito mellor”.

Para conseguir fondos venderanse produtos de merchandising de SOGAPS como calendarios, lapis, cuncas, etc. Tamén se venderán produtos de segunda man que foron cedidos. Ademais, o obxectivo é darlle visibilidade ao traballo que se fai dende SOGAPS e buscar familias de acollida para 2025.

A concelleira de Benestar Social, Uxía García, agradece o traballo que realiza a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS). “Dende o Concello de Ames apoiamos o programa Vacación en Paz 2024 sufragando sete billetes de avión que permitiron que sete rapaces e rapazas pasasen o verán no noso concello. Imos a seguir apoiando este programa porque somos un concello solidario. O programa Vacacións en Paz non é nada sen as familias e sen o traballo que fai SOGAPS”.

Búscanse familias acolledoras
Dende SOGAPS búscanse familias de Ames que estea interesadas en acoller a un/unha neno/a durante o verán de 2025. Trátase dunha iniciativa solidaria de gran valor cultural, tanto para as crianzas como para as persoas que os acollen. Para inscribirse ou obter máis información pódese contactar con Esther Ybarra, delegada de SOGAPS na comarca de Compostela, a través do número de teléfono 609 76 49 45. Tamén se pode chamar á oficina de SOGAPS da provincia da Coruña, a través dos números 606 434 409 e 678 727 382.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Colecta solidaria de fondos para la causa saharaui en el centro de Bertamiráns"

SOGAPS instalará este sábado un posto solidario no mercado de Bertamiráns para recadar fondos

Multimedia

  • SOGAPS instalará este sábado un posto solidario no mercado de Bertamiráns para recadar fondos