[18-10-2012] Dende a Concellaría de Cultura informan de que se suspendeu a actuación do grupo Aquelando Teatro de Muros, que estaba prevista para este venres, 19 de outubro, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Por motivos de saúde dun dos integrantes deste grupo de teatro non poderán representar a obra Allan, que se encadra dentro da programación da terceira xornada da Mostra de Teatro Afeccionado. A mostra continuará a vindeira semana coa representación da peza teatral Café a cargo do grupo O aturuxo de Melpómene, de Narón.
Este venres, 19 de outubro, estaba previsto que o grupo Aquelando Teatro de Muros representase na Casa da Cultura de Bertamiráns o obra Allan, que se encadra dentro da programación da Mostra de Teatro Afeccionado que se está desenvolvendo ao longo do mes de outubro nas casas da cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Por motivos de saúde dun dos integrantes deste grupo de teatro non se poderá levar a cabo esta función. Dende o Concello de Ames deséxaselle unha pronta recuperación a esta persoa.
A mostra continuará o venres 26 de outubro na Casa da Cultura do Milladoiro coa representación da obra Café a cargo do grupo O aturuxo de Melpómene, de Narón. Esta peza teatral está destinada a persoas maiores de 12 anos e conta cunha duración de 80 minutos.
Esta comedia transcorre nun espazo temporal no que o café se considera unha droga perigosa. Esta substancia ben podería substituírse por calquera outra que resulte aditiva, xa que do que se trata, en definitiva, é demostrar o lado escuro das adiccións. A representación é unha metáfora en si mesma sobre os efectos das drogas nas persoas e o difícil que resulta saír dese universo paralelo no que se somerxen os individuos cando dependen delas.
A través deste festival, a Concellaría de Cultura pretende promocionar, dar a coñecer e darlles aos grupos de teatro afeccionado un escenario onde poidan expresarse e representar as súas pezas teatrais. Ao mesmo tempo achégalles aos amienses espectáculos que están fóra dos circuítos comerciais pero que teñen un grande interese.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Suspéndense a terceira xornada da Mostra de Teatro Afeccionado"