- Tematica
O Concello de Ames anunciou esta mañá numerosas cancelacións en propostas de diferentes áreas, como Educación, Promoción Económica, Cultura, Medio Ambiente e Normalización Lingüística, debido ao incremento de contaxios na comarca, e como medida preventiva e de responsabilidade. O programa de conciliación Nadal Lúdico 2021, as Prebadaladas ou os obradoiros de Nadal son algunhas das actividades afectadas, as de “maior risco de contaxio”, segundo o alcalde de Ames, Blas García, que lembra que “o principal é a seguridade”. O persoal municipal comezou dende onte á tarde a avisar destes cambios ás familias e as empresas afectadas.
O concello de Ames rexistra a día de hoxe 185 casos activos, segundo datos aportados pola Xerencia da Área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, cunha incidencia acumulada a sete días de 257 e a catorce días, de 561. Esta situación provocou que varios dos Departamentos municipais con actividades previstas para estas datas tomaran a decisión de suspendelas ou adialas nalgúns casos.
O alcalde de Ames, Blas García, apelou á seguridade da veciñanza ante o aumento de casos nas últimas datas, e desexou que o concello poida retomar a súa actividade habitual o antes posible. “Tomamos esta decisión nunha situación complexa, na que o coronavirus avanza de xeito rápido, mais o principal é a seguridade. Para protexer aos veciños e ás veciñas, decidimos cancelar aquelas actividades con maior risco de contaxio, agardando que a normalidade volva o antes posible ao noso concello”.
Suspendido o programa Nadal Lúdico 2021 por “responsabilidade” ante a situación epidemiolóxica na comunidade educativa
A Concellaría de Educación tomou a decisión de suspender a realización dos programas Lúdicos de Nadal, previstos entre os días 22 de decembro de 2021 e 7 de xaneiro de 2022, nun acto de “responsabilidade”, segundo o concelleiro David Santomil. Estas actividades concentran a unha gran cantidade de alumnado de diferentes idades e centros escolares amesáns, nun momento no que a situación epidemiolóxica nesta franxa de idade non é favorable.
Durante os últimos días a comunidade educativa do concello de Ames está rexistrando un forte incremento de casos positivos por Covid-19, que afecta tanto o alumnado e ao persoal dos programas de conciliación municipais. Ademais, os alumnos e alumnas de varios centros do concello esperan os resultados de probas diagnósticas, ou ben permanecen en corentena nos seus fogares.
A Concellaría de Educación suspendeu estas actividades de conciliación tras unha reunión que tivo lugar onte, luns 20 de decembro. Durante a tarde, Educación enviou unha comunicación a cada unha das familias afectadas coas explicacións do concelleiro, David Santomil.
Suspendida a actividade ordinaria na EIM A Madalena ao detectarse un caso positivo por Covid-19
Dende as 15:00 horas do luns 20 de decembro, e ata que a situación sanitaria o permita, queda suspendida a actividade ordinaria na EIM A Madalena, ao detectarse este pasado domingo 19 un caso positivo por Covid-19 entre o persoal de servizos xerais. Seguindo indicacións da Xefatura Territorial de Sanidade, acordouse onte a solicitude de probas PCR para todo o alumnado, a realización de corentena dos contactos estreitos (alumnado con posible contacto sen máscara), así como a petición de extremar as medidas de prevención do persoal.
Durante a mañá de onte luns 20, o persoal da escola e as familias comezaron a recibir notificacións da Consellería de Sanidade con citas para a realización de probas diagnósticas a partir das 15:00 horas. Ante a lista de acordos tomados entre Goberno local e Xefatura Territorial de Sanidade, Educación tomou a decisión de suspender a actividade ordinaria da escola con efecto dende as 15:00 horas do luns 20, ao afectaren as medidas á totalidade do alumnado 0-3 anos e ao persoal da escola. As familias do alumnado do centro recibiron unha comunicación durante a tarde do luns do concelleiro de Educación, David Santomil, que quixo informar da situación ás persoas afectadas por este peche temporal.
Para calquera dúbida, as familias poden contactar coa dirección da escola a través da TokApp, ou ben no número de teléfono 609 141 079.
Boa parte das actividades de Nadal de Ames quedan suspendidas, entre elas as Prebadaladas
Unha meirande parte das actividades orixinalmente programadas no itinerario de Nadal da Concellaría de Promoción Económica, “Nadal con Ames na Rúa”, quedan suspendidas polo aumento de casos de coronavirus no concello, en especial nas franxas de idade máis baixas. Este incremento de contaxios provoca que as propostas que requirían de certa interacción das persoas participantes xa non sexan adecuadas.
Todos os obradoiros de Nadal, tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, así como o programa de conciliación “Concilia co Comercio” quedan cancelados. As empresas que xestionaban estas actividades xa foron avisadas durante a xornada de onte, luns 20 de decembro.
Neste senso, pronunciouse a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, que gabou a colaboración e a comprensión das empresas afectadas, todas de orixe amesá. “Debemos mostrar responsabilidade nestas datas, polo que decidimos cancelar as actividades nas que non estaba garantido o respecto da distancia de seguridade. Estamos en contacto coas empresas, 100% amesás, que entenderon perfectamente que o máis importante é a saúde das veciñas e veciños”.
No que respecta ás actividades para a cativada, quedan suspendidos o Pasarrúas e a Visita Disney, inicialmente programados para o 23 e o 24 de decembro. Non obstante, manterase a visita á Casa de Papa Noel, xa que se poderá respectar a distancia de seguridade entre familias.
Os concertos do Amesson continúan na programación, mais o público que asista permanecerá sentado. Ademais, esixirase a presentación do pasaporte Covid á entrada aos espectáculos de música en directo.
Finalmente, o evento das Prebadaladas, que se recuperaba despois do seu éxito en 2019, non poderá realizarse debido ás restricións anunciadas este fin de semana, que aluden á imposibilidade de facer actos de pé nos que se sirvan aperitivos, sen esquecer a crecente cifra de casos no concello.
Suspéndense os obradoiros de Nadal das Bibliotecas
Por mor da situación epidemiolóxica derivada da Covid-19, suspéndense os obradoiros “Decora o teu Nadal” que as Bibliotecas Municipais de Ames tiñan previsto realizar o mércores 22 de decembro na biblioteca de Bertamiráns e o xoves 23 na biblioteca do Milladoiro.
Suspendido o campamento da programación de Nadal da Aula da Natureza
O campamento urbano de natureza para a rapazada, que se ía celebrar entre os días 27 e 30 de decembro, queda suspendido por mor da mala tendencia na evolución epidemiolóxica nas últimas semanas. As familias dos rapaces e rapazas afectadas serán notificados persoalmente ao longo da xornada.
Cancelada a representación de “Rosalía”
A representación da obra de teatro “Rosalía”, que ía ter lugar na Casa da Cultura do Milladoiro este próximo martes 28 de decembro, queda cancelada ao igual que outras actividades que acollían cativada en interiores, e como medida preventiva polo recente aumento de contaxios no concello. As persoas xa inscritas na actividade serán notificadas nas próximas horas.
Novas relacionadas
La Voz de Galicia: "Ames suspende 20 actividades, incluido el servicio de conciliación, por los 185 casos de covid-19"
Compostela 24 Horas: "Suspendidas máis de vinte actividades de ocio e conciliación do Nadal de Ames por mor da situación epidemiolóxica"
AMSGO!: "Suspendidas máis de vinte actividades do Nadal de Ames por mor da situación sanitaria"