- Tematica
O programa de verán “Seráns de Tapia”, desenvolvido por primeira vez no 2021 na praia fluvial de Tapia, aumenta nesta edición as súas propostas e engade coma sede ao campo da festa de Bugallido, creando deste xeito á nova programación dos “Seráns de Ames”. A Concellaría de Cultura, coa colaboración da de Mocidade e Normalización Lingüística, organiza un conxunto de dez actividades que se reparten de forma equitativa entre ambas parroquias, e que terán lugar todos os xoves de xullo e agosto a partir das 19:30 horas. Premendo nesta ligazón pódese consultar o cartaz dos “Seráns de Ames”.
O campo da festa de Bugallido acolleu este mediodía a presentación dos “Seráns de Ames”, unha programación de verán para todos os públicos que volve por segundo ano consecutivo, despois de que en 2021 se estreara esta mesma iniciativa na praia fluvial de Tapia. A maiores, este ano contarase con Bugallido coma sede, repartindo de xeito equitativo os oito xoves de xullo e agosto, nos que haberá actividades para todos os públicos nestas dúas parroquias a partir das 19:30 horas.
Ao acto asistiron a concelleira de Cultura, Natividade González, e a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, así como o persoal técnico dos departamentos implicados. Abriu a presentación a propia Natividade González, que destacou o traballo entre áreas para realizar programas de calidade. “Fai un ano nacía este proxecto con moita ilusión, co que queríamos levar a cultura ao rural de Ames, e naquel momento apostamos pola parroquia de Tapia, que contou non só con ese público consolidado que xa ten, senón que con outros veciños e veciñas doutras parroquias e núcleos que se achegaron. Debido ao éxito dese programa, decidimos vir á parroquia de Bugallido e ver como funciona aquí esta programación na que tanto cremos. É moi importante ter actividades transversais e traballar entre departamentos nun concello como Ames, no que se programa moita cultura e ocio”.
Pola súa banda, a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, gabou do mesmo xeito a transversalidade e a posta en valor do rural que se fai levando actividades ás parroquias. “Estou encantada pola transversalidade e de sumar unha parroquia máis aos Seráns de Ames. En concreto, que sexa Bugallido, situada entre as dúas vilas de Bertamiráns e do Milladoiro, paréceme unha proposta moi interesante, non só por traer a cultura ao rural, senón que tamén para que a xente das vilas se desprace e veña ao noso rural”.
Os “Seráns de Ames”, todos os xoves de xullo e agosto a partir das 19:30 horas
Os “Seráns de Ames” desenvolveranse ao longo dos oito xoves de xullo e agosto, alternando propostas cada semana entre a praia fluvial de Tapia e o campo da festa de Bugallido. Deste xeito, as actividades comezarán o xoves 7 de xullo, ás 19:30 horas, coa lectura en Tapia do pregón inaugural da programación, que realizará o actor e veciño de Ames Federico Pérez Rey, e coa actuación deseguido da charanga Os Celtas.
O xoves 14 de xullo será a quenda de Bugallido, co concerto de La Nasa ás 20:00 horas, mentres que o xoves 21 Tapia acollerá o espectáculo de danza-circo “SU.MA”, ás 19:30 horas. Para pechar xullo, o xoves 28 desenvolveranse en Bugallido dúas sesións de narración oral, “A bibliotecaria estrafalaria”, de Cris de Caldas e Xabi do Camiño, e “Nabiza Girl”, de Isabel Risco, tamén ás 19:30 horas.
Xa en agosto, o xoves 4 terá lugar na praia fluvial de Tapia a proposta de teatro na rúa “A illa sen tesouro”, da compañía Ghazafelhos. Pola súa banda, o xoves 11 ás 19:30 horas, o campo da festa de Bugallido celebra a sesión de contacontos “Conto contiño”, con Bibiana Calvo e Divina Fernández, e o espectáculo de teatro na rúa “A tropa do Doutor Milagre”, de Urdime. As actividades en Tapia rematarán o xoves 18 coa Foliada do programa Apego, que incluirá a actuación musical de Pablo Díaz e Olga Kirk, ás 19:30 horas. Por último, a programación remata o xoves 25 en Bugallido, cunha actuación de maxia ás 20:00 horas.
En caso de choiva, as actividades da praia fluvial de Tapia moveranse á Casa da Cultura de Bertamiráns, mentres que as do campo da festa de Bugallido desenvolveranse no local social da propia parroquia.
Premendo nesta ligazón pódese consultar o cartaz dos “Seráns de Ames”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Contacontos, teatro e música entre Tapia e Bugallido de xullo a agosto"
Lindeiros: "Nova edición dos Seráns de Ames"