Pestanas principais

A taxa de criminalidade de Ames sitúase por debaixo da media provincial e galega

Luns, 01 de xullo de 2024

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e mailo alcalde de Ames, Blas García, presidiron esta mañá a Xunta Local de Seguridade, unha reunión na que se puxo en valor a baixa taxa de criminalidade de Ames con 29 delitos por cada 1000 habitantes, 8 puntos por debaixo da media provincial e 6 puntos menos que a media galega. A subdelegada do  Goberno quixo destacar a aposta decidida do Executivo na consecución da igualdade e na loita contra a violencia machista. Así, tanto María Rivas como Blas García puxeron en valor a colaboración entre a Policía Local e a Garda Civil, conformando equipos especializados para traballar de xeito coordinado na protección das mulleres vítimas de violencia de xénero a través do sistema VioGén.

Un dos temas tratados na reunión da Xunta Local de Seguridade tivo que ver coa seguridade e cos índices delitivos no concello. Tras analizar os datos de seguridade cidadá, a subdelegada e mailo alcalde puxeron en valor o grado grao de eficacia e colaboración dos corpos e forzas de seguridade. Neste sentido resaltou que a taxa de criminalidade sitúase en 29 delitos por cada 1000 habitantes, moi por debaixo da media provincial que está en 37 e tamén da media galega que se sitúa en 35.

O alcalde, Blas García, deu as claves destes bos datos en comparación coa media autonómica e provincial, a coordinación e o bo entendemento entre os distintos corpos policiais: “Un concello en continuo crecemento necesita todos os efectivos posibles para garantir a seguridade da nosa veciñanza, a boa sintonía coa Policía Nacional e coa Garda Civil fai posible ampliar a cobertura”.

Ademais, segundo os datos aportados o nivel de esclarecementos mellora con respecto ao ano anterior tanto nos delitos leves como nas infraccións penais, manténdose apenas sen variación no resto; neste senso resaltouse novamente a cooperación entre institucións sinalando que “esta colaboración é clave, e que quero agradecer especialmente ao alcalde, Blas García, a implicación e apoio constante. Vamos a seguir traballando nesta liña para que Ames continúe sendo un concello seguro”.

Sistema VioGén
A subdelegada indicou que Ames é un dos 23 concellos plenamente adheridos ao sistema VioGén na provincia, na que hai 8 máis en proceso. Os obxectivos de VioGén consisten en aglutinar ás diferentes institucións públicas que teñen competencias en materia de violencia de xénero, integrar toda a información de interese que se estime necesaria para facer unha predición do risco, e atendendo ao nivel de risco, realizar o seguimento e protección das vítimas en todo o territorio nacional.

O que persegue o Goberno a través deste VioGén é establecer unha tupida rede que permita o seguimento e protección de forma rápida, integral e efectiva das mulleres maltratadas, e dos seus fillos e fillas, en calquera parte do territorio nacional. “Hoxe máis que nunca, quero pedir a todas as mulleres vítimas de violencia de xénero na provincia que denuncien, que non teñan medo e que dean un paso a fronte para que o sistema poida axudalas e protexelas”, sinalou Rivas.

Neste sentido a subdelegada do Goberno indicou que as forzas e corpos de seguridade traballan diariamente de xeito coordinado nos 2.402 casos activos na provincia. “Temos que seguir traballando sen descanso para protexer a cada unha da mulleres que están dentro do sistema VioGén, son 2.402 vidas condicionadas pola violencia atávica e estrutural que é o machismo, e que precisan do noso esforzo diario para protexelas a elas e as súas familias. Todos os esforzos son necesarios, os da Policía Local e a Garda Civil, pero tamén os de toda a sociedade. Non debemos darlle as costas aos comportamentos violentos e machistas, debemos denuncialos”, subliñou a subdelegada.

A subdelegada insistiu que a procura da igualdade e a loita contra a violencia de xénero son eixos fundamentais da acción do Goberno, que se expresa tamén en medidas como o Pacto de Estado, do que é beneficiario o concello de Ames, que recibiu 85.144,26 euros dende o ano 2018 para desenvolver políticas de igualdade, accións de concienciación e actividades encamiñadas á consecución dunha sociedade máis igualitaria e con tolerancia cero contra a violencia machista e os discursos negacionistas. Neste sentido tamén se expresou o rexedor que resaltou que “o único número tolerable en canto a violencia de xénero é 0”.

Abundando neste asunto, a subdelegada animou ao Concello de Ames a seguir traballando na prevención e na concienciación a través da mesa de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero xa constituída, e que tamén existe noutros 39 concellos da provincia.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames registra 29 delitos por mil habitantes, una tasa inferior a la media provincial y gallega"

El Correo Gallego: "La razón por la que Ames presume de concello seguro: la tasa de criminalidad es menor que la gallega"

Imaxe da Xunta Local de Seguridade

Multimedia

  • Imaxe da Xunta Local de Seguridade
  • Imaxe da Xunta Local de Seguridade
  • Imaxe da Xunta Local de Seguridade
  • Imaxe da Xunta Local de Seguridade
  • Imaxe da Xunta Local de Seguridade