- Tematica
A compañía Ibuprofeno Teatro protagoniza unha nova proposta de artes escénicas en Ames neste outono, coa obra “Smoke on the water”. O espectáculo, que combina teatro con música en directo, conta unha historia de amor tinguida de sexo, drogas, e o rock and roll dos anos 70. Será o próximo venres 14 de outubro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. As entradas poden adquirirse xa a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.
“Smoke on the water” achéganos á vida de Ritchie, dono dunha tenda de discos e vinilos de colección ancorado nos anos 70, e de Janis, que hai anos que non canta e que estuda Filosofía na universidade. A parella mantense nunha crise matrimonial permanente que dura xa case 25 anos, e que parece imposible de mudar.
A relación tóxica entre ambos vese alterada pola aparición de Álex, un gigoló novo e transgresor, que namora perdidamente de Janis. A intervención de Joan, unha empregada de banca que xestiona a hipoteca de Ritchie e clienta de Álex, propicia o final desta traxicomedia.
A obra chega a Ames como parte da colaboración entre a Concellaría de Cultura e a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC). Dirixida por Santiago Cortegoso, conta cun elenco formado por Josito Porto, como Ritchie; Belén Constenla, como Janis; Adrián Ríos, que fai de Álex; María Costas, como Joan, e Mon Orencio, como músico en escena.
As entradas poden adquirirse por 5 euros a través da billeteira electrónica do Concello de Ames, ou ben unha hora antes do comezo do espectáculo na Casa da Cultura de Bertamiráns, no caso de que aínda estean dispoñibles. Haberá prezo reducido do 50% do custo ordinario para o estudantado con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos, a rapazada menor de 12 anos, as familias numerosas, a mocidade co carné xove e as persoas demandantes de emprego.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Teatro e música en vivo con ‘Smoke on the water’"
AMSGO!: "“Smoke on the water” combina teatro e rock o día 14 no Milladoiro"