- Tematica
O itinerario cultural de Ames do primeiro semestre de 2022 continúa en febreiro con “Drop”, da compañía Pistacatro Produtora de Soños. Recomendado tanto para público adulto como para rapazada a partir de 10 anos, “Drop” é un espectáculo de novo circo, con teatro, música en directo e malabares, chaves na obra para facer unha comparación coa vida e os equilibrios que todos e todas facemos en certos momentos. Será o venres 4 de febreiro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. As entradas poden adquirirse xa a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.
“Drop” xoga co paralelismo do labor dos malabaristas coa vida do público. Os protagonistas mostran a súa habilidade especial, a de manter obxectos flotando no aire, onde estes verdadeiramente cobran vida. Se cando os obxectos permanecen quedos poden parecer útiles, bonitos, discretos ou mesmo pasar desapercibidos, mentres voan arden de vitalidade e nos atraen, como as pompas de xabón, os globos, os balóns, as cometas, os drons ou as estrelas.
Un elenco formado por catro malabaristas e un pianista convidarán ao público de Bertamiráns a vivir e a acompañalos no mundo dos soños, no que ollarán patróns, coreografías de obxectos e debuxos no aire, e que lles farán darse conta dos equilibrios que realizan para saír adiante ante os problemas e as tarefas do día a día. “Drop”, deixar caer en inglés, pide que nos deixemos levar e volvamos a erguernos despois de cada tropezo.
“Drop” é a primeira proposta de febreiro da programación cultural de Ames, que para a vindeira semana trae dúas obras, entre elas a primeira do itinerario para público infantil. “Ás para Álex”, pensada para o público familiar e para a cativada a partir dos 5 anos, representarase na Casa da Cultura de Bertamiráns o próximo xoves 10 de febreiro, ás 18:00 horas. Ao día seguinte, o venres 11, volverá o teatro para o público adulto con “A parábola do angazo”, ás 20:30 horas na mesma localización. As entradas para ambos espectáculos xa están dispoñibles na Billeteira.
O programa completo de cultura de Ames do primeiro semestre de 2022, elaborado pola Concellaría de Cultura en conxunto coa Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), pode consultarse ao completo premendo nesta ligazón.
Venda de entradas e descontos
As entradas poden adquirirse por 5 euros a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames, ou ben unha hora antes do comezo do espectáculo na Casa da Cultura de Bertamiráns, no caso de que aínda estean dispoñibles. Haberá prezo reducido do 50% do custo ordinario para o estudantado con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos, a rapazada menor de 12 anos, as familias numerosas, a mocidade co carné xove e as persoas demandantes de emprego. Ademais, as persoas que mercaran os bonos cultura poderán acceder directamente á butaca que reservaran coa compra do pase.
Novas relacionadas
AMSGO!: "“Drop”, un espectáculo de música e circo este venres en Bertamiráns"
Lindeiros: "Música e malabares co espectáculo Drop, este venres en Ames"