Pestanas principais

The Teta´s Van, Astarot, Ruxe Ruxe e Supernatural actuarán na oitava edición do Millarock

Venres, 23 de marzo de 2018

[23-03-2018] Esta mañá compareceu en rolda de prensa o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, acompañado de Juan Ramón Rico, de Ruxe Ruxe; José Manuel Piedra, de Astarot; e Thais Rudiño, Fran Almodóvar e Dani Lemos do grupo Supernatural, para presentar a oitava edición do festival Millarock. A presentación de dito festival tivo lugar no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, moi preto do aparcadoiro da Travesía do Porto onde se vai a celebrar dito festival o venres, 3 de agosto, a partir das 21:00 horas. Despois do éxito de público acadado o ano pasado, dende o Concello de Ames convídase a veciñanza a acudir a esta nova edición na que se mestura rock galego, eminentemente feminino e local.

Mestura de novos grupos con bandas consolidadas
O festival deste ano combinará novos grupos, como poden ser The Teta´s Van e Supernatural, con bandas moi consolidadas dentro do rock galego como son Astarot e Ruxe Ruxe. O batería de Astarot, José Manuel Piedra, indicou “é un pracer actuar no Milladoiro porque son veciño de Teo e é como estar ao lado da casa. Este ano o grupo cumpre 35 anos e estamos inmersos na xira de concertos de presentación do noso último traballo, Una vida en un segundo. Precisamente, mañá comezamos esta xira cun concerto no concello de Valadouro. Animamos a que acudan ao festival persoas de todas as idades porque van a gozar coas versións que vamos a facer dos grandes clásicos do rock galego”.

Juan Ramón Rico (Xan), saxo, do grupo Ruxe Ruxe, destacou que para a súa banda é un pracer tocar en Ames. “Hai que poñer en valor a valentía dos Concellos e asociacións que apostan pola organización deste tipo de festivais e polo rock galego. Esta edición do Millarock ten un cartel moi completo e aberto a todos os públicos. Haberá un rock fresco da man de novos grupos como The Teta´s Van e Supernatural, pero tamén o público poderá gozar de grupos máis consolidados como son somos nós e Astarot. Tratase dun festival que mestura perfectamente diferentes estilos e con moita diversidade”.

Por parte do grupo Supernatural, Thais Rudiño dixo sentirse “moi ilusionada con poder estar no Millarock deste ano e poder presentar o noso último traballo en Ames. Ademais, o seu compañeiro de grupo, Fran Almodóvar, indicou “para nós e un auténtico pracer compartir cartel con grupos de rock tan diversos e tan consolidados. Animamos a xente a que veña a este festival porque faremos que pasen unha boa tarde-noite de rock”.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que “trátase dun festival que se recuperou hai dous anos. Esta é a terceira edición desta nova etapa do Millarock, na que se reforzou a presenza de grupos galegos. Este foi un dos obxectivos cos que naceu este festival, o de promocionar e dar cabida a grupos emerxentes locais e da contorna de Ames. O cartel deste ano conta co grupo The Teta´s Van, unha banda moi divertida e que xa é un referentes dentro do rock feminino. Este grupo abrirá o festival co obxectivo de que as familias poidan ver o seu espectáculo. De seguido, actuará o grupo Supernatural. Tiñamos unha débeda con Thais Rudiño e por fin vai actuar en Ames. Posteriormente subirán ao escenario dous grupos de rock xa consolidados como son Astarot e Ruxe Ruxe”.

O cartel do festival Millarock está formado por The Teta´s Van, un grupo integrado por mozas, aínda que contan con músicos homes nos seus cabaréts, que son especialistas en realizar versións, divertir transmitindo, reivindicando e loitando contra as inxustizas, a través da lingua galega. Outro dos grupos do cartel deste ano do Millarock é o grupo cangués de rock Astarot. Un grupo que leva no rock galego máis de trinta anos, que conta con oito discos gravados e que en 2017 lanzou o seu último traballo, Una vida en un segundo.

Por outra banda, contarase coa actuación doutras das bandas máis coñecidas do panorama musical galego como é Ruxe Ruxe. Esta banda nacida na parroquia compostelá de Aríns está celebrando o seu 20 aniversario co lanzamento do seu novo traballo 20 Segundos. Ruxe Ruxe teñen 11 LP´s no mercado, tres deles editados nos últimos tres anos e un feixe de cancións en recopilatorios e bandas sonoras o que os converte en todo un referente da creación musical galega e en galego. Neste festival tamén participará o grupo Supernatural, que conta coa vocalista nacida en Ames, Thais Rudiño. Esta banda, creada en 2015 por vellos coñecidos e antigos compañeiros noutras bandas, está inmersa na promoción do disco, titulado Nada que fingir en castelán, e Nothing to pretend na versión inglesa. Nel mostran gran variedade de ritmos e fusión de estilos.

A entrada a este festival, que terá lugar o venres 3 de agosto, é totalmente gratuíta. Dito festival comezará ás 21:00 horas co obxectivo de que aos primeiros concertos se poidan achegar pais e nais cos seus fillos e fillas. Aproveitando a hora do solpor as familias poderán gozar das primeiras actuacións deste evento musical.



Contido relacionado


Lindeiros: "Ames presentou a oitava edición do Millarock"
Ames Go: "Volve o Millarock"
El Correo Gallego: "Astarot, Supernatural, Ruxe Ruxe e The Teta´s Band tocarán en agosto no Millarock"
La Voz de Galicia: "El Millarock trae a Supernatural, Teta´s Van, Ruxe Ruxe y Astarot"
Compostela 24 Horas: "The Teta´s Van, Astarot, Ruxe Ruxe y Supernatural actuarán en la octava edición del Millarock"