Pestanas principais

Todo preparado no Milladoiro para acoller o foro sobre saúde mental

Luns, 02 de decembro de 2024

O Concello de Ames, en colaboración con La Voz de Galicia, vai celebrar este mércores, 4 de decembro, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, un foro sobre benestar emocional e saúde mental. Ás 11.00 horas abrirase o foro cunha mesa de apertura institucional, para dar paso a unha mesa política e outra de deportistas. O peche institucional e clausura será ás 13.15 horas. Este foro súmase a outras iniciativas postas en marcha polo Concello de Ames sobre saúde mental como son o plan municipal de benestar emocional e saúde mental do Concello de Ames, que é pioneiro a nivel galego, e mailas Xornadas de Saúde Mental que xa van pola terceira edición e se celebraron no pasado mes de maio.

O Concello de Ames, a través da Concellaría da Promoción da Saúde, é consciente da importancia que ten coidar o benestar emocional e maila saúde mental da súa veciñanza, por iso vai celebrar este mércores, 4 de decembro, un foro sobre saúde mental no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.

Segundo diversos estudos, aproximadamente un 15% da poboación sofre ou sufrirá algún trastorno mental ao longo da súa vida. Por iso é necesaria unha estratexia global que proporcione un marco de acción común para previr, promover e atender ás necesidades de poboación sobre esta cuestión.

O alcalde de Ames, Blas García, explica que “os Concellos somos a administración máis próxima á xente e non podemos eludir un dos grandes problemas de saúde do noso tempo. Dende o Concello estamos concienciados en abordar o coidado da saúde mental, por iso organizamos este foro, e tamén puxemos en marcha o primeiro plan municipal de benestar emocional e saúde mental do Concello de Ames, unha iniciativa pioneira, xa que somos o único concello de Galicia en contar cun plan sobre saúde mental”.

Programación do foro
Dito foro está organizado polo Concello de Ames, en colaboración con La Voz de Galicia. O evento será emitido en directo por streaming, a través da canle de YouTube, Facebook e da páxina web de La Voz de Galicia.

A apertura do foro será ás 11.00 horas a cargo do alcalde de Ames, Blas García; da concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, e de Belén Montesa e Juan Carlos Permuy, psicóloga/o e coordinadores de programas de CoidadosAmente.

De seguido, ás 11.20 horas haberá unha mesa política sobre “A importancia da implicación municipal na saúde mental” na que participarán as alcaldesas de Silleda, Paula Fernández; de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; e da Coruña, Inés Rey. Ás 12.00 horas está previsto que haxa unha pausa.

Posteriormente, ás 12.30 horas realizarase unha mesa redonda sobre “Saúde mental e deporte” na que participarán persoas relevantes no eido deportivo como Moncho Fernández, adestrador do Obradoiro CAB durante 14 tempadas, 13 delas de xeito consecutivo na máxima categoría do baloncesto español. Na temporada 2012-2013 conseguiu o mellor resultado da historia do Obradoiro CAB, ao rematar na oitava praza da liga, conseguindo así meterse nos play-offs polo título. Borja Golán, que está considerado o mellor xogador da historia do squash español; e Esther Pedrosa, atleta importante do atletismo galego que se dedicou sobre todo ao gran fondo (distancias superiores aos 5 quilómetros) e compite tanto en pista como en circuítos de cross.

O peche institucional e clausura do evento será ás 13.15 horas. No acto de peche participará o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.

Outras iniciativas sobre saúde mental
Este foro súmase a outras iniciativas postas en marcha polo Concello de Ames sobre saúde mental como son o plan municipal de benestar emocional e saúde mental do Concello de Ames, que é pioneiro a nivel galego, e mailas Xornadas de Saúde Mental que xa van pola terceira edición e se celebraron no pasado mes de maio.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El plan de salud mental de Ames atiende diez casos graves y ya formó a 125 adolescentes"

Todo preparado no Milladoiro para acoller o foro sobre saúde mental

Multimedia

  • Todo preparado no Milladoiro para acoller o foro sobre saúde mental
  • Todo preparado no Milladoiro para acoller o foro sobre saúde mental
  • Folleto informativo do Plan municipal de saúde mental
  • Folleto informativo do Plan municipal de saúde mental