Pestanas principais

Tramitados 3.600 carnés para as piscinas municipais descubertas de Ames durante este verán

Venres, 26 de xullo de 2024

Neste período estival de 2024 a Concellaría de Deportes emitiu arredor de 3.600 carnés de usuario/a para facer uso das piscinas municipais descubertas de Bertamiráns e O Milladoiro. Ditos usuarios/as repártense do seguinte xeito: 1.100 corresponden a abonos familiares, 196 a abonos individuais de adulto, 102 son abonos individuais para maiores de 14 anos, e 6 abonos para menores de 14 anos. Tanto as piscinas municipais como a área recreativa de Tapia permanecerán abertas ata o vindeiro 15 de setembro.

As piscinas descubertas de Bertamiráns e O Milladoiro e a área recreativa de Tapia, que se atopa ás beiras do río Tambre, convértense durante os meses de verán en lugares moi concorridos por todos os veciños e veciñas de Ames. Estas instalacións preséntanse como grandes alternativas aos areais da costa galega. Estarán abertas ata o 15 de setembro.

Ata o de agora, a Concellaría de Deportes tramitou arredor de 3.600 carnés para estas dúas piscinas. En total foron emitidos 1.100 abonos familiares para toda a tempada, que poden empregar varios membros dunha mesma unidade familiar; 196 abonos individuais de adulto; 102 son abonos individuais para maiores de 14 anos; e 6 abonos para menores de 14 anos.

Tramitación dos abonos para as piscinas
A campaña de emisión de abonos para as piscinas ao aire libre dos dous núcleos urbanos de Ames, O Milladoiro e Bertamiráns, mantense aberta ata o vindeiro 14 de agosto. Para solicitar dito abono, as persoas interesadas poden descargar o impreso de solicitude e envialo cuberto aos enderezos de correo electrónico: deportes@concellodeames.gal ou deportes.milladoiro@concellodeames.gal. Xunto a dito impreso de solicitude hai que enviar unha foto actualizada escaneada (tamaño carné por cada usuario novo ou se fose necesario renovala) e a folla de autoliquidación selada pola entidade bancaria.

A folla de autoliquidación pode solicitarse nas oficinas de recadación (en Bertamiráns, na praza da Horta de Abaixo, número 6; ou no Milladoiro, na rúa Viorneira, número 6) ou no correo electrónico ames@canaltributos.com. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 88 48 96. Os/as usuarios/as tamén poderán tramitar directamente a súa autoliquidación na Oficina Virtual Tributaria.

Para este verán, ofértanse varios tipos de abono: o familiar de tempada (no que se inclúen pais e fillos menores de 18 anos, e engadirá aos fillos menores de 25 anos cando estes non dispoñan de ingresos propios), que custa 20 euros; o individual para toda a tempada, de 14 euros, e o abono de tempada para menores de 18 anos, de 7 euros.

Tamén existen abonos mensuais, de 7 euros para maiores de idade e de 5 euros para menores de 18 anos. Os menores de 4 anos están exentos de pago. O terceiro irmán/a en abono, menor de 18 anos, ten unha redución do 50%. Ademais existen exencións de taxas nos abonos, sempre e cando se conte con informe de Servizos Sociais.

Horario de apertura das piscinas municipais
O horario de apertura das piscinas do Milladoiro e Bertamiráns é de 11:00 a 21:00 horas, de luns a domingo. Pola súa banda, a praia fluvial de Tapia, de acceso libre e de balde, está aberta de 15:00 a 21:00 horas, de luns a venres, e os sábados e domingos, de 11:00 a 21:00 horas. Durante estes horarios hai servizo de vixilancia e socorrismo. Estas instalacións estarán abertas ata o vindeiro 15 de setembro.

Imaxe de arquivo da piscina do Milladoiro