Pestanas principais

Trasmonte acollerá o 4 de novembro a III Feira do Monte “Tanto Monte, Monte tanto” que conta con 15 expositores confirmados

Xoves, 26 de outubro de 2023

O Concello de Ames presentou esta mañá a terceira edición da Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto”. A feira celebrarse o próximo sábado, 4 de novembro, no campo da festa da parroquia de Trasmonte, co obxectivo de poñer en valor o monte galego e  recuperar os oficios ligados ao monte. Será un escaparate excepcional dos oficios e os produtos vinculados ao monte. A presentación contou coa asistencia do alcalde, Blas García; o concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo; a técnica responsable da Aula da Natureza, Patricia Reboreda; e maila técnica municipal do departamento de Turismo, Sonia Moure. Na actualidade xa se conta con 15 expositores confirmados e estase pendente de que se poida sumar algún máis. Haberá unha carpa para estar a cuberto e poder participar nas actividades programadas. Durante toda a xornada non faltarán as tradicionais castañas asadas e maila música tradicional.

A Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto” segue medrando e xa chega á súa terceira edición. Un ano máis o campo da festa de Trasmonte acollerá este evento que se desenvolverá o sábado, 4 de novembro, de 11.30h a 19.30 horas. O principal obxectivo é poñer en valor o monte e os produtos e derivados que nos ofrece. Na actualidade xa se conta con 15 expositores confirmados e estase pendente de que se poida sumar algún máis. Haberá unha carpa para estar a cuberto e poder participar nas actividades programadas.

Os amantes da apicultura poderán gozar da exposición de colmeas tradicionais e modernas, así como da cata de meles e outros produtos apícolas. A ‘Castaña de Galicia’ tamén terá un lugar especial, onde compartirase a súa historia e tradición cos asistentes. Os visitantes poderán deleitarse cunha gama de produtos gastronómicos, dende froitos secos e aceites galegos ata degustacións de pans e miniburguers de carne vacún grumete.

Durante a presentación da feira o alcalde de Ames e responsable da área de Turismo, Blas García, destacou que “é unha excelente oportunidade para descubrir produtos locais e gozar dunha xornada chea de tradición e sabor. Cada ano damos un paso máis con novos expositores, pero sobre todo este ano contamos co respaldo do Mercado da Deputación da Coruña. O importante é amosar todo o que nos dá e ofrece o monte. Ames tamén é rural e monte. Queremos poñer en valor a importancia que ten o monte para a economía galega. Convido a toda a veciñanza a que se achegue a Trasmonte e participe nesta terceira edición da feira do monte”.

Por outra banda, o concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, explicou que “é a primeira edición que me toca a min como concelleiro, pero está claro que se trata dun evento consolidado no concello, tal e como demostra que xa son os expositores os que lle preguntan ao Concello para vir á feira, e non ao revés como sucedeu ao comezo. Cada ano que pasa queremos engadir novas actividades para que esta feira sexa máis atractiva e para que sexa un referente entre os eventos nos que se promociona o monte e se pon en valor o rural”.

A técnica responsable da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, agradeceu “a colaboración da Deputación da Coruña, a través do Mercado da Deputación, cun apoio tanto económico coma coa posta a disposición do Concello da súa rede de artesáns locais. O obxectivo desta fera é poñer en valor o monte galego, asi como todos os produtos que derivan del e os subprodutos, que de xeito artesanal e tradicional elaboran os/as participantes na feira. Respecto das dúas edicións anteriores ampliouse o número de expositores. Temos confirmada a presenza de 15 expositores de temas moi diversos (plantas, árbores e animais do monte) e estamos pendente de que se poida sumar algún máis”.  

A técnica municipal do departamento de Turismo, Sonia Moure, destacou que “a través desta feira tamén se pretende poñer en valor o rural de Ames e a vinculación que ten esta parroquia co Camiño de Fisterra. Temos a experiencia de que no mes de novembro aínda hai bastantes peregrinos que pasan por este lugar e que cando se achegan ao campo da festa de Trasmonte quedan bastantes sorprendidos de atopar unha iniciativa deste tipo. Deste xeito, queremos aproveitar para que os peregrinos que están facendo o Camiño de Fisterra teñan unha experiencia culinaria e que coñezan algo máis da cultura e das tradicións que temos en Galicia e en concreto en Ames”.

Expositores participantes
Dende a organización destacan que están satisfeitos de que a feira vaia medrando en cada edición e se consolide como unha actividade de outono dentro da programación do Concello de Ames. Haberá expositores de cerería, apicultura, cestería, aceites galegos (amosarán a recuperación de semente de oliva galega), artesáns que elaboran cosmética natural, un torneiro que elabora utensilios de cociña, etc.

Deste xeito está confirmada a presenza de Rocigarcia (cerería), Castrexa (agricultura), Silvereira (bixutería en madeira), O Carabel (cestería), Comeluz (impresión gráfica en madeira), Jose Manuel Prado (artesá que elabora traballos en madeira), Toxo Xel (cosmética natural), panadería Xallas (degustación de pans), Cienporcel (elaborados de porco celta), Boibel (viveiro forestal), Ouro de Quiroga (aceite galego), Aceites Abril (aceite galego), Castañas de Galicia (produtos derivadas da Castaña IGP - Castaña de Galicia), Malas Herbas (xoiería con materiais naturais) e Naturantas (cosmética natural).

Música, exposicións e degustacións
O evento tamén dará espazo ás artesanías, con obradoiros colaborativos de cestería, exposicións de resinas e un apartado especial para a cosmética e tratamentos naturais, onde se mostrarán cremas, locións e ungüentos terapéuticos. Dese xeito, ao longo da xornada haberá demostracións continuadas do traballo de cestería de colmo a cargo de O Carabel; de traballos de torneado da madeira, a cargo de Jose Manuel Prado; degustación de pan por xentileza da panadería Xallas; e degustación de aceite galego a cargo de Ouro de Quiroga e Aceites Abril. Durante toda a xornada non faltarán as tradicionais castañas asadas.

Ademais, Discarlux fará unha degustación de pequenas hamburguesas (carne grumete) de 13:30h a 15:00 horas; e pola tarde haberá unha degustación de cogomelos, de 18:00h a 19:00 horas, a cargo de Manuel Rey, do restaurante Kratos. Manuel Rey, recoñecido hostaleiro, ofrecerá recomendacións sobre a preparación e cociñado de cogomelos, mentres prepara un risotto de fungos que se poderá degustar xunto con empanada de cogomelos.

A feira tamén contará cunha exposición de cogomelos e expertos nesta materia, que guiarán aos asistentes na diferenciación dos distintos tipos de fungos e a  comestibilidade ou toxicidade dos mesmos. Por último, haberá musica tradicional a cargo do grupo Follas Novas. Farán dous pases, o primeiro ás 13:30 horas e o segundo ás 18:30 horas.

Novas relacionadas:

Enfoques: "La feria Tanto Monte, Monta Tanto vuelve a Ames para poner en valor el monte y sus oficios"

Ames Go: "A Feira do Monte Tanto Monte, Monte Tanto celebra a súa 3ª edición o sábado 4 de novembro"

Imaxe da presentación da feira do monte

Multimedia

  • Imaxe da presentación da feira do monte
  • Imaxe da presentación da feira do monte
  • Imaxe da presentación da feira do monte
  • Imaxe da presentación da feira do monte