- Tematica
Este sábado, 19 de agosto, será efectivo o cambio de localización temporal do mercado de rúa de Bertamiráns, que nos vindeiros meses se trasladará á avenida da Peregrina.
Este cambio de localización foi consensuado o día 1 de agosto nunha reunión entre o alcalde de Ames, Blas García, os técnicos municipais e os comerciantes afectados, celebrada no Salón de Plenos do Concello de Ames.
“Esta solución garante un cambio non traumático que permite continuar cunha relativa normalidade sen perturbar de forma excesiva a normalidade veciñal”, afirma García. “Non comprometer prazas de aparcamento pesou á hora da elección pois un gran volume do comercio está en persoas residentes en Brión, Santiago e Negreira”.
As obras que se están a executar na rúa Ameneiral terán unha duración de aproximadamente 4 meses, polo que a partires de mediados de novembro está planeado que se recupere a normalidade deste espazo comercial.
Continúan así as obras da Améndoa Central de Bertamiráns, co-financiadas pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), proseguindo así o Concello de Ames co proceso de humanización no núcleo de Bertamiráns que se enmarca na EDUSI Impulsa Ames.