Pestanas principais

Trécola Teatro presenta este sábado a peza infantil Cling! en Bertamiráns

Venres, 21 de outubro de 2016

[21-10-2016] Este sábado, 22 de outubro, a compañía Trécola Teatro presentará a peza infantil Cling! no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. A sesión comezará ás 18:00 horas e a entrada é de balde. Esta representación enmárcase no Circuíto Galego de Teatro Amador, de teatro afeccionado, que achega durante o outono catro obras teatrais de catro compañías diferentes. A seguinte compañía en achegarse a Ames, O Aturuxo de Melpóneme, actuará o sábado 29 de outubro no Milladoiro.

Trécola Teatro é a segunda compañía en visitar Ames neste mes da man do Circuíto Galego de Teatro Amador, no que participan grupos de teatro afeccionado Desta volta a representación terá lugar no auditorio do centro sociocultural de Bertamiráns, ás 18:00 horas, no que tres integrantes de Trécola (Uxía Pérez, Ledicia Álvarez e Alfonso Míguez) representarán Cling! Trátase dunha peza teatral para todos os públicos escrita por outro dos membros da compañía: Tegra. Cling! relata a historia das relacións comerciais humanas, dende o troco ata a aparición da moeda. A través de sketches cómicos o elenco fará un percorrido polo comercio, o consumo, a creación dos bancos ou a aparición da Bolsa. A peza ten unha duración total de 50 minutos.

A próxima representación que acolle o concello de Ames, dentro deste circuíto, é Misterios, da compañía de Narón, O aturuxo de Melpómene. Actuarán no auditorio municipal do Milladoiro o vindeiro sábado, 29 de outubro, ás 18:00 horas. Como todas as pezas de teatro afeccionado a entrada tamén será de balde.

O circuíto de teatro galego afeccionados
O Circuíto Galego de Teatro Amador nace da iniciativa da Asociación Galega Fanfarra de Soños, creada no ano 2009. Esta compañía emprega as artes escénicas como unha ferramenta de comunicación, de creación de lazos e educativa. Coa colaboración da Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA) e o apoio da Consellería de Cultura pon en marcha este circuíto. Nel participan distintas compañías de teatro afeccionado, tendo así a oportunidade de achegar o seu traballo a un público moito máis amplo e de consolidar un espazo propio nos escenarios galegos.

Na edición deste ano, celebrada en numerosos municipios de Galicia entre os que se atopa Ames, as obras foron seleccionadas atendendo especialmente ao público infantil, ao que están dirixidas. O circuíto programa en torno a 60 obras ao longo de todo o ano.

A compañía Trécola Teatro
Trécola Teatro nace en Ourense no ano 2004, integrada por Ledicia Álvarez, María Díaz, Uxía Pérez, Alfonso Míguez e Tegra. Eles e elas comezaron a súa formación na Aula de Teatro Universitaria ”Maricastaña” da Universidade de Vigo, no Campus de Ourense. A súa aprendizaxe complementouse con distintos cursos ao longo destes anos. Os seus traballos abranguen estilos moi diversos: teatro para adultos, performances, sesións de contacontos, teatro para a rapazada ou mesmo animación de rúa. Ademais do estreo de numerosas obras a compañía participou na organización da Mostra de Teatro Infantil de Barbadás “7 Barbas” entre 2006 e 2010, nas campañas “O Comic na Escola” do Concello de Ourense ou en animacións de rúas do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) ao longo de sete edicións.