- Tematica
Esta próxima fin de semana celébranse os campionatos de España individuais ao aire libre das categorías sub14 e sub16, para os que o Club Atletismo MillaRaio clasificou a tres atletas. O Club de atletismo MillaRaio estará representando na competición de sub14 e sub16 que se celebrará esta fin de semana. Os rapaces clasificados para o campionato nacional son Daniel Cariñena López, Pablo Cariñena López e Nuno Castro Albán.
Daniel Cariñena López, actual campión galego dos 100 metros lisos na categoría sub16, competirá este sábado, 24 de outubro, nesta mesma proba no campionato de España Sub16 que se celebrará en Granollers.
Por outra banda, os atletas sub14 Pablo Cariñena López e Nuno Castro Albán viaxarán a Madrid para participar no campionato de España Sub14 individual, que se divide nun conxunto de cinco tríatlons, é dicir, diversas probas combinadas nas que cada atleta realiza tres probas diferentes.
Pablo Cariñena, que vén de conseguir o bronce individual nos 80 metros lisos no campionato de España por equipos celebrado a semana pasada en Nerja, competirá no tríatlon D. Nesta categoría inclúense probas de 80 metros lisos e os lanzamentos de disco e peso.
Nuno Castro, que tamén participou en Nerja co equipo sub14 mellorando a súa marca en 80 metros valos, competirá no tríatlon A. Deste xeito, o atleta do Club de atletismo MillaRaio participará nas probas de 80 metros lisos, 80 metros valos e lanzamento de peso.