Pestanas principais

Tres mil nenos e nenas de Ames comezan unha experiencia singular de inmersión lingüística promovida pola Real Academia Galega e o Concello de Ames

Mércores, 01 de marzo de 2023

Aroa estuda 6º de primaria no CEP de Ventín. Malia seren os seus pais galegofalantes, fala dende moi cativa só castelán. Pero este luns chegou da escola expresándose en galego. “Fíxolle moita ilusión asinar o Acordo de compromiso lingüístico, está tomándoo moi en serio e esforzándose por falar todo o tempo en galego”, conta o seu pai, Javier Cacheiro, presidente da ANPA do centro. A súa irmá pequena, Lara, polo momento só o está a empregar na escola, “pero xa é un progreso”, considera. Coma elas, os arredor de tres mil nenos e nenas que cursan o segundo ciclo de infantil e a primaria no municipio de Ames están a participar dende esta semana no proxecto de inmersión lingüística creado pola Real Academia Galega e o Concello de Ames no marco de Modo galego, actívao! O programa promove toda unha serie de actividades e reflexións para normalizar o uso do idioma non só no día a día nas escolas, tamén nas actividades extraescolares, de lecer, tempo libre e conciliación familiar xestionadas a través da administración local.

A experiencia de inmersión lingüística estase a desenvolver na Escola de Educación Infantil do Milladoiro, as escolas unitarias de Covas e da Igrexa e os colexios de Barouta, A Maía, Ventín e Agro do Muíño. Durará tres semanas e inspírase en 21 días co galego, pero coa particularidade de anticipar a experiencia ás primeiras etapas educativas e implicar, por primeira vez, todos os colexios dun mesmo concello a un tempo e estenderse ao conxunto de actividades educativas, complementarias e extraescolares de xestión local.

O que se pretende acadar é o compromiso entre o alumnado, o profesorado, o monitorado dos servizos complementarios e outros traballadores e traballadoras dos centros educativos de empregaren o galego durante, polo menos, tres semanas seguidas, buscando tamén a complicidade das familias. E para facilitar o obxectivo, estanse a desenvolver toda unha serie de experiencias que, no caso das destinadas aos nenos e nenas, son dun marcado carácter lúdico. “Penso que o feito de que o que se lles propoña sexa divertido é fundamental, que non o vexan como os deberes, senón como unha actividade diferente e voluntaria que lles permite ademais acadar un premio”, reflexiona Javier Cacheiro.

Seguramente por ese marcado carácter lúdico, a resposta polo momento dos nenos e nenas está a ser “exemplar”, valora Enrique Gil, responsable do equipo de dinamización lingüística do CEP de Ventín. “Fan serios esforzos por falar en galego e autocorrixirse. Cada día teñen que reflexionar sobre a experiencia e autoavaliarse cun semáforo, e avalíanse con moita esixencia. Paréceme unha proposta moi interesante porque promove a concienciación lingüística e porque se basea en actividades moi novidosas”, valora o mestre, que sinala a implicación do profesorado como unha parte fundamental do éxito.

Da diagnose á acción
Con Modo galego, actívao! a Real Academia Galega e o Concello de Ames pasan do diagnóstico á acción. O programa dálle continuidade ás investigacións do Seminario de Sociolingüística neste municipio que deron lugar á publicación A lingua no CEIP Agro do Muíño (2018) e ao Mapa sociolingüístico escolar de Ames (2021), no que se detecta unha perda do 10 % de galegofalantes iniciais xa no primeiro contacto co medio educativo na etapa infantil. Esta porcentaxe vai medrando nos sucesivos cambios de ciclo ata cifras extremadamente preocupantes: na secundaria só o 11 % do alumnado é galegofalante e outro 11% bilingüe, fronte a un 77 % de falantes habituais de castelán, a maioría deles monolingües.

“É o momento de actuar e de sumar forzas entre as diferentes administracións e institucións implicadas”, salienta a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín. “Somos plenamente conscientes da situación sociolingüística nos centros escolares do municipio. É por isto que é urxente poñer en marcha intervencións coa finalidade de reverter a situación da nosa lingua entre a poboación máis nova e de garantirlles ás nenas e aos nenos o dereito a usar con normalidade a lingua que nos identifica como galegos e galegas”, expresa.

A implicación da administración local é esencial no proxecto, indica Henrique Monteagudo, coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG. “Cada vez está máis clara a importancia de traballar na proximidade, e as administracións locais teñen os instrumentos para facelo; por tanto, teñen un importante papel que desempeñar neste sentido”, considera. A Academia espera que a experiencia sexa posteriormente reproducible noutros municipios. “Non temos capacidade para acompañar a todos os concellos de Galicia pero concibimos este proxecto como unha experiencia piloto que permita definir un modelo de intervención replicable e extensible a outros concellos”, engade o sociolingüista.

Alén de definir o proxecto, apoiar a execución e ofrecer asesoramento, a Academia está a facer o seguimento da experiencia para analizar o seu desenvolvemento dende a perspectiva científica. Os resultados serán recollidos posteriormente nun informe.

O profesorado, representante da Academia nos colexios
O alumnado de educación primaria comezou o pasado luns o programa adquirindo o compromiso de empregar o galego durante todo o día, asinando o Acordo de compromiso lingüístico. Cada titor e titora exerce ante os cativos e cativas de representante da Real Academia Galega, ofrecéndolles un premio da súa elección de cumpriren o acordo. Ademais, cada neno ou nena debe cubrir a diario a folla titulada E hoxe, activaches o modo galego? no que ao final de cada xornada avalía o seu grao de cumprimento do acordo.

O proxecto conta cun blog que orienta o profesorado sobre que facer cada día, cada semana. Nestes primeiros sete días, a atención temática céntrase no audiovisual, a música, as redes sociais e os videoxogos e cada aula pode elixir realizar dobraxes divertidas de películas, pequenos vídeos sobre calquera tema curioso baseada na linguaxe de espazos coma Youtube e Tik Tok ou ben compoñer unha canción de música urbana en galego, detalla Gabino Vázquez-Grandío, técnico do Seminario de Sociolingüística da RAG. “Nas aulas de infantil a experiencia estase centrando polo momento en traballar co léxico, por campos semánticos”, engade.

A RAG e o Concello buscan ademais a complicidade das familias, con propostas para a fin de semana. Este venres proporáselle ao alumnado un tema para que grave en audio unha breve reflexión persoal. Nos primeiros días da semana seguinte, o profesorado fará unha escolma para remitila ao Seminario de Sociolingüística. Coincindo co desenvolvemento do programa 21 días co galego a emisora municipal, Ames Radio, emitirá tres programas especiais sobre dito proxecto os xoves 2, 9 e 16 de marzo.

Alén do programa de inmersión que se estenderá ata o 20 de marzo, Modo galego, actívao! ofrecerá ao longo dos vindeiros meses accións formativas e de sensibilización para o profesorado, os educadores, o persoal auxiliar e o monitorado das actividades complementarias. Prestaráselles tamén asesoramento ás empresas subcontratadas que se encargan das actividades complementarias, acompañarase os colexios na revisión dos proxectos lingüísticos de centro e facilitaráselles a todas as partes material didáctico e apoio á formación. Modo galego, actívao! desenvólvese co financiamento da Deputación da Coruña e do Fondo Xacobeo da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "'21 días en galego', a aposta de Ames e a RAG para gañar falantes desde o ensino"

El Correo Gallego: "Tres mil escolares de Ames viven en galego dentro e fóra das aulas durante tres semanas"

AMS GO!: "A mocidade de Ames protagoniza un ambicioso plan de recuperación de uso do galego"

Alumnado do CEP de Ventín

Multimedia

  • Imaxe de Modo galego, actívao!
  • Alumnado do CEP de Ventín
  • Alumnado do CEP de Ventín
  • Alumnado do CEP de Ventín
  • Alumnado do CEP de Ventín
  • Alumnado do CEP de Ventín
  • Alumnado do CEP de Ventín
  • Alumnado do CEP de Ventín