- Tematica
María Carmen Rodríguez, Manuela Santiso e Dolores Rodríguez forman parte desta iniciativa da USC, en colaboración ca Concellería de Benestar Social, cuxo obxectivo é analizar as necesidades formativas das persoas maiores de 65 que viven no rural galego e ofrecer un programa que parta dos intereses detectados na investigación levada a cabo no concello de Ames, xunto co de Santiago de Compostela e Teo.
O obradoiro “A caixa das lembranzas”, organizado polo Instituto de Ciencias da Educación da USC, conta coa participación de tres veciñas do concello de Ames, María Carmen Rodríguez de Biduído de Abaixo, Manuela Santiso, de Casanova e Dolores Rodríguez, de Raíces.
A través desta iniciativa, encaixada no proxecto “Xeración Activa. Envellecemento saudable no rural galego: Estudo das necesidades formativas”, preténdese solucionar as necesidades formativas das persoas maiores de 65 que viven no rural galego. Trátase dun espazo compartido para traballar a relación entre contexto (experiencias, patrimonio material,inmaterial, vivencias persoais, emocións, recordos...), xénero e historias de vida a través das comunidades que o habitan.
No local social de Biduído, grazas a Mercedes López Mata da Asociación O Reguiño, os días 23 e 30 de novembro as veciñas traballaron os recordos a través da fotografía , como elemento representativo da vida e da contorna dos participantes, do conto, como elemento colectivo de intercambio e reflexión sobre as historias de vida, da música, linguaxe expresiva para a creación colectiva e o intercambio de emocións, e as TIC, xa que son unha ferramenta integradora que facilita a accesibilidade de xeito non presencial.
Os obradoiros, no noso Concello, articúlanse ao longo de dúas semanas e lévanse a cabo durante as semanas do 23 e 30 de novembro. Os grupos están integrados por 4 usuarios/as e 1 monitor/a, máis un fotógrafo. Co material recompilado nas xuntanzas e as producións (narrativas, fotografías, deseños...) elaborarase un produto final para a difusión do resultado e das inquedanzas da veciñanza. Este produto será un Libro das lembranzas, que será presentado en formato dixital e que recollerá unha cartografía dos recordos en forma de imaxes, narracións, cancións e reflexións.
Esta proposta formúlase dende o eido da Educación Artística Comunitaria, facendo da veciñanza o principal axente activo, involucrando a toda unha liña xeracional e abrindo paso ao desenvolvemento de diversas propostas e achegas que ligan memoria, espazos e identidade colectiva.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Calibran necesidades formativas en el rural con vecinas de Ames"