Pestanas principais

Tres xogadoras do Meigas CF xogan coa selección cadete feminina de Santiago no Torneo galego de seleccións locais

Mércores, 30 de marzo de 2016

[30-03-2016] O pasado venres 25 de marzo, en Guitiriz, as xogadoras da selección cadete feminina de Santiago clasificábanse subcampioas no Torneo galego de seleccións locais. O mellor resultado logrado por esta selección dende a súa formación, fai xa tres anos. Tres das xogadoras que foron incluídas neste equipo adestran día a día e xogan coa camiseta do Meigas FC de Ames. Elas son Yaiza Eiras, Iria Mariño e Nerea Domínguez. Xunto con elas foi convocado o adestrador do Meigas CF, Diego Montero.

A selección compostelá comezou enfrontándose ás favoritas do torneo, a selección da Coruña, nun partido moi igualado que finalizou coa vitoria da selección santiaguesa por 2 goles a 1. No segundo encontro, esta vez contra a selección de Vigo, as compostelás impuxéronse por 8 goles a 2. Este mesmo resultado volveuse contra elas na final, cando a selección ourensá arrebatoulles o título de campioas vencendo ás compostelás por 8 goles a 2.

As tres xogadoras do Meigas CF xa foran convocadas en anos anteriores e xogaron xa coa selección compostelá, exceptuando a Yaiza na convocatoria do 2015, á que tivo que renunciar por mor dunha lesión. Diego Montero, o adestrador do Meigas FC, mostraba a súa satisfacción ante a evolución dos rapazas e de todo o conxunto. "É o terceiro ano que participamos e xa non nos preocupaba tanto a continuidade da selección compostelá, viamos a un equipo forte", indica Montero.

Para o adestrador do Meigas FC o resultado acadado era o dobre de especial porque "as rapazas deste equipo, exceptuando a dúas, son máis novas que a meirande parte das xogadoras doutras seleccións. Isto motívanos moito a traballar de cara ao vindeiro torneo". Montero engade que "dentro da competición, queremos que as rapazas o pasen ben. Tratamos de que todas participen e todas xoguen". Das quince rapazas seleccionadas non houbo unha soa que non pisase o terreo de xogo a pasada fin de semana en Guitiriz.

Centrándose no Meigas FC, o seu adestrador mostrouse moi optimista respecto ao futuro das súas xogadoras. "Non só en categoría cadete, senón que en categoría infantil ou alevín o equipo ten un gran futuro. Unha das rapazas que xoga na categoría infantil, por exemplo, estivo adestrando coa selección compostelá. A pesar de que non foi convocada para xogar veu con nós para comprobar como se desenvolvía un torneo desta clase e aprender da experiencia". Diego quixo lembrar que "a competición está moi ben, pero estas rapazas son novas e o importante é que xoguen, que gocen do fútbol e que se sintan parte dun equipo".

O FC Meigas no DiverTeo
Por outra banda, o pasado día 21 de marzo, varias das xogadoras do FC Meigas, e o seu adestrador, Diego Montero, participaron como visitantes en DiverTeo, en representación do club, aportando a súa visión do deporte, do deporte feminino e do deporte en equipo. Pasaron a mañá compartindo xogos e experiencias e aportando o seu graniño de area para difundir os valores do club: deportividade, solidariedade, igualdade, tolerancia, diálogo e participación. Foi unha experiencia moi positiva para todos/as.