Pestanas principais

Trinta e cinco alumnos do IES do Milladoiro obteñen certificación oficial en portugués

Mércores, 19 de outubro de 2022

Este martes, 18 de outubro, tivo lugar a entrega dos certificados de Lingua portuguesa no IES do Milladoiro. O pasado mes de xuño presentáronse ás probas de certificación do Camões Júnior 35 alumnos e alumnas, dos cales 32 acadaron o nivel B1 e tres o A2 en Lingua portuguesa. A coordinadora do Instituto Camões en España, Filipa Soares, acompañada polo Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, achegáronse ao IES do Milladoiro para entregar as certificacións de portugués ao alumnado.

Filipa Soares, coordinadora do Instituto Camões para España e Andorra, parabenizou o esforzo feito no IES e explicou que este foi o centro que conseguiu examinar o maior número de alumnado, o que supuxo un gran desafío tamén para a entidade que representa, xa que estas probas se realizan en liña, mais en tempo real en conexión desde a escola e o centro en Lisboa. O alumnado que conseguiu os títulos podía levar dous ou tres anos estudando portugués, materia que se implantou neste centro no curso 19-20.

No acto, presidido polo director do IES, falaron -en nome dos 130 matriculados en portugués este curso no IES, e que tamén estaban presentes- catro alumnas que o ano pasado cando fixeron as probas cursaban 2º ESO: Saínza Ruíz, Uxía Reyes, Ana Caamaño e Zoe González. Agradeceron a oportunidade que se lle deu ao alumnado do IES do Milladoiro de obter esta certificación desde o propio centro e de forma progresiva.

Lembraron tamén os proxectos que se desenvolven desde o Equipo de dinamización da Lingua Galega que poñen o foco na lusofonía como elemento normalizador do galego. Neste punto incidiu tamén Valentín García na súa intervención quen lles fixo ver aos discentes a vantaxe que lles supoñía saberen galego para acadaren un bo nivel de competencia en portugués nun curto período de tempo.

Fíxose tamén referencia ao que supoñen as linguas como elemento de unión e de “fraternidade” entre as diferentes culturas que conforman a nosa comunidade educativa, composta por alumnado e familias de 22 nacionalidades diferentes. Para amosar este espírito de fraternidade, o colectivo Euterpe amenizou o acto coa interpretación da famosa canción do Zeca Afonso, Grándola, vila morena.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "La inclusión del portugués en el IES O Milladoiro logra titulaciones para 35 alumnos"

O alumnado do IES de Milladoiro que recibiu as certificacións

Multimedia

  • Trinta e cinco alumnos do IES do Milladoiro obteñen certificación oficial en portugués
  • Trinta e cinco alumnos do IES do Milladoiro obteñen certificación oficial en portugués
  • Trinta e cinco alumnos do IES do Milladoiro obteñen certificación oficial en portugués
  • Trinta e cinco alumnos do IES do Milladoiro obteñen certificación oficial en portugués