- Tematica
O salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, acollerá o vindeiro mércores, 11 de marzo, ás 20:00 horas, unha actividade informativa sobre as sentenzas do IRPH e as tarxetas revolving. Dita actividade está organizada pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), en colaboración co Concello de Ames. Trátase dunha charla gratuíta e aberta a toda a veciñanza amesá na que se falará sobre como che afecta a sentenza sobre IRPH e as tarxetas revolving. Intervirán a concelleira de Comercio, Innovación e Emprego, Ana Belén Paz, o secretario xeral da UCGAL, Miguel López, e mailo letrado da UCGAL, Félix Caramés.
A actividade informativa sobre as sentenzas do IRPH e as tarxetas revolving ten como obxectivo informar á veciñanza de Ames sobre as recentes sentenzas emitidas polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea, sobre o control de transparencia do Índice de Referencia de Préstamos Hipotecarios (IRPH), para declaralo abusivo e nulo por falta de información; e polo Tribunal Supremo, que cualificou de abusivos os intereses pagados por unha usuaria dunha tarxeta revolving por alcanzar o 27% anual.
Na sentenza emitida polo Tribunal Supremo considérase que a referencia do tipo de interese que se aplica nesta categoría de tarxetas ten que ser o tipo de interese medio das tarxetas de crédito e revolving, que calcula o Banco de España e que ronda o 20%. As tarxetas revolving utilizan un tipo de crédito flexible que podería traducirse literalmente como revolvente. Como calquera tarxeta de crédito, permiten aprazar o pago das compras para non ter que facer fronte ao gasto nese momento. O que diferenza ás tarxetas revolving do resto de tarxetas de crédito son as opcións de pago.
Por outra banda, abordarase o tema do Índice de Referencia de Préstamos Hipotecarios (IRPH), que é un dos tipos de interese máis utilizados en España xunto co Euribor. As hipotecas referenciadas a este índice posúen un tipo de interese moi elevado que se extrae facendo unha media dos intereses aplicados por caixas e bancos. Sobre este índice planea a sospeita da falta de transparencia na súa comercialización por parte dos bancos. A causa foi levada a Europa despois de que o Supremo non o considerase abusivo.
O Tribunal de Xustiza da Unión Europea, en sentenza do 3 de marzo, recoñece aos consumidores afectados polas hipotecas IRPH á protección que anteriormente lle foi negada polo Tribunal Supremo español, que se negou a que o índice IRPH fose sometido ao control de transparencia para declaralo abusivo e nulo por falta de información. Deste xeito, os tribunais españois terán que xulgar a falta de transparencia das hipotecas indexadas cun IRPH.
Servizo da UCGAL en Ames
Esta actividade enmárcase dentro do acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL). Asemade é importante lembrar que os veciños e veciñas que queiran facer algunha consulta nas oficinas de consumo sobre este tema ou calquera outro, soliciten cita previa para dispor dos servizos que ofrece a Unión de Consumidores de Galicia tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. Así poderán facer unha consulta personalizada e individual sobre cada caso en particular.
Os técnicos da UCGAL atenden ás persoas consumidoras do Milladoiro, nas instalacións da rúa Viorneira, número 6, baixo, os martes de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. En Bertamiráns, as oficinas están situadas no Pazo da Peregrina e a atención ao público realízase os xoves de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. Para obter cita previa pódese chamar ao número de teléfono 662 13 03 12.
Novas relacionadas:
Compostela 24 horas: "A UCGAL impartirá en Bertamiráns unha xornada informativa sobre as sentenzas do IRPH e as tarxetas revolving"
Lindeiros: "A UCGAl da unha charla sobre as tarxetas revolving en Ames"