- Tematica
O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá o vindeiro martes, 15 de decembro, ás 20:00 horas, unha actividade informativa sobre as sentenzas do IRPH e dos gastos hipotecarios. Dita actividade está organizada pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), en colaboración co Concello de Ames. Trátase dunha charla gratuíta e aberta a toda a veciñanza amesá na que se falará sobre como che afectan as últimas sentenzas sobre IRPH e os gastos de formalización dunha hipoteca. Intervirán a concelleira de Comercio, Innovación e Emprego, Ana Belén Paz, e o secretario xeral da UCGAL, Miguel López.
A actividade informativa sobre as últimas sentenzas do Índice de Referencia de Préstamos Hipotecarios (IRPH) e dos gastos hipotecarios ten como obxectivo informar á veciñanza de Ames sobre as recentes sentenzas emitidas polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Deste xeito, falarase de como está a situación na actualidade sobre estes dous temas, sobre as últimas novidades, e sobre os prazos de reclamación existentes.
Trátase dunha charla gratuíta e aberta a toda a veciñanza amesá na que intervirán a concelleira de Comercio, Innovación e Emprego, Ana Belén Paz, e o secretario xeral da UCGAL, Miguel López. Debido a actual situación derivada da pandemia da Covid-19, esta charla vaise impartir no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns para dispor de maior aforo e poder gardar a correspondente distancia de seguridade entre os/as participantes. Aínda así o aforo do auditorio será reducido e irase completando a medida que vaian chegando os/as participantes.
A concelleira de Comercio, Innovación e Emprego, Ana Belén Paz, sinala que “despois de varios meses sen organizar este tipo de charlas en Ames, decidimos retomar estas actividades, tendo en conta as medidas hixiénico – sanitarias marcadas fronte á Covid. Cremos que é importante que os técnicos da UCGAL poñan en coñecemento da veciñanza de Ames as últimas novidades sobre as sentenzas do IRPH e dos gastos hipotecarios”.
Servizo da UCGAL en Ames
Esta actividade enmárcase dentro do acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL). Asemade é importante lembrar que os veciños e veciñas que queiran facer algunha consulta nas oficinas de consumo sobre este tema ou calquera outro, soliciten cita previa para dispor dos servizos que ofrece a Unión de Consumidores de Galicia tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. Así poderán facer unha consulta personalizada e individual sobre cada caso en particular.
Os técnicos da UCGAL atenden ás persoas consumidoras do Milladoiro, nas instalacións da rúa Viorneira, número 6, baixo, os martes de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. En Bertamiráns, as oficinas están situadas no Pazo da Peregrina e a atención ao público realízase os xoves de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. Para obter cita previa pódese chamar ao número de teléfono 662 13 03 12 ou enviar un correo electrónico a calquera dos seguintes enderezos: info@consumidores.gal ou fcarames@concellodeames.gal.