Pestanas principais

Última proposta de artes escénicas de marzo con “Aibō”, este xoves 24 en Bertamiráns

Martes, 22 de marzo de 2022

A obra para público infantil “Aibō” pecha un mes de marzo na que Ames acolleu ata catro propostas de artes escénicas. “Aibō” (compañeira ou compañeiro en xaponés) é a palabra empregada para definir esta fábula, inspirada na Carapuchiña Vermella, que trata de dar unha visión en positivo sobre a nosa relación coa natureza. Orientada á cativada dos 3 aos 6 anos e ao público familiar, a obra representarase o xoves 24 de marzo, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. As entradas xa están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

“Aibō”, ópera prima da compañía Eléctrica, é unha peza teatral para público infantil e familiar con Iria Pinheiro e Areta Bolado, da compañía A Panadaría. A obra busca dar unha visión diferente do conto clásico da Carapuchiña Vermella, na que se celebre a biodiversidade e na que reflexionemos cunha visión positiva sobre a relación que mantemos con outros seres vivos diferentes a nós.

O nome da proposta significa en xaponés compañeira ou compañeiro, e esta mesma cultura ten presenza na propia forma da representación. A historia está estruturada en catro actos, partido na técnica narrativa oriental “Kishōtenketsu”, presente na literatura chinesa e xaponesa. Nestes textos, líganse eventos sen relación aparente para logo unilos nunha mensaxe global.

A compañía Eléctrica naceu en plena pandemia, no ano 2020, con Iria Pinheiro e Suso Jalda como membros fundadores, e con colaboracións constantes con outras artistas, como a propia Areta Bolado, María Reimóndez, Juanma Ons ou Ailén Kendelman. O obxectivo deste novo proxecto é crear espectáculos dende un punto de vista plástico e poético, onde se unan a interpretación e o escenario.

O programa completo de cultura de Ames do primeiro semestre de 2022, elaborado pola Concellaría de Cultura en conxunto coa Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), pode consultarse ao completo premendo nesta ligazón.

Venda de entradas e descontos

As entradas poden adquirirse por 4 euros a través da billeteira electrónica do Concello de Ames, ou ben unha hora antes do comezo do espectáculo na Casa da Cultura de Bertamiráns, no caso de que aínda estean dispoñibles. Haberá prezo reducido do 50% do custo ordinario para o estudantado con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos, a rapazada menor de 12 anos, as familias numerosas, a mocidade co carné xove e as persoas demandantes de emprego.

Última proposta de artes escénicas de marzo con “Aibō”, este xoves 24 en Bertamiráns

Multimedia

  • Última proposta de artes escénicas de marzo con “Aibō”, este xoves 24 en Bertamiráns
  • Última proposta de artes escénicas de marzo con “Aibō”, este xoves 24 en Bertamiráns
  • Última proposta de artes escénicas de marzo con “Aibō”, este xoves 24 en Bertamiráns