Pestanas principais

Últimas entradas para a XVIII edición do Festival de Maxia de Ames “FestiMax”

Luns, 23 de outubro de 2023

As Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro acollerán esta fin de semana a décimo oitava edición do Festival de Maxia de Ames “FestiMax”. Haberá espectáculos e obradoiros para todos os públicos durante os días 27, 28 e 29 de outubro. O evento, organizado polo departamento de Cultura do Concello de Ames, que conta co apoio da Deputación da Coruña, repetirá iniciativas de gran éxito en anteriores edicións, como a gala de novos talentos da maxia, a gala máxica infantil ou a gala máxica internacional. Tamén se celebrarán obradoiros dirixidos a cativos e maiores. Aínda quedan algunhas entradas para todas as sesións dos espectáculos e para os obradoiros de maxia. As entradas e convites xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica.

Xa está todo preparado para unha das actividades culturais que máis expectación xeran entre a veciñanza amesá. Trátase do XVIII Festival internacional de Maxia de Ames “FestiMax”, que se desenvolverá os días 27, 28 e 29 de outubro nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Premendo nesta ligazón pódese consultar o programa do festival ao completo. Na actualidade aínda quedan algunha entradas dispoñibles para todas as sesións do espectáculos programados e para os obradoiros de maxia.

Programa do FestiMax
A programación do FestiMax inclúe tres galas máxicas. A primeira delas, a Gala máxica infantil, terá lugar o venres 27, ás 17:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Estará protagonizada por Francis Zafrilla, que presentará o espectáculo “Confeti”. Zafrilla é un artista polifacético: mago, cantante e ventrílocuo. Está especializado en espectáculos infantís, e foi gañador de diversos recoñecementos neste ámbito. “Confeti” é unha proposta chea de ritmo, cor, maxia e participación continua dos cativos e cativas.

Por segundo ano consecutivo, terá lugar tamén unha gala de Novos Talentos da Maxia, presentada polo mago Rafa. Nesa ocasión desenvolverase na Casa da Cultura de Bertamiráns, o veres 27 de outubro, ás 20:00 horas. Nela participarán Mago Iago, El Gran Na, Meigo Simón, Marco Morán e Golden Magic.

Gala Máxica Internacional
Para rematar, celebrarase a Gala Máxica Internacional. Como habitualmente, celebraranse catro pases, debido ao gran éxito colleitado durante as últimas edicións e a gran expectación que o evento xera entre a veciñanza de Ames. O espectáculo estará presentado polo polifacético Dani Polo, un clásico deste festival, que dará paso ao distintos artistas e sorprenderá novamente a un público que coñece de primeira man.

Os magos que estarán presentes son Kenris Murat e Aurelia, Pedro III, Joshua Kenneth e Bonjin Koo. Kenris Murat e Aurelia son unha parella de ilusionistas franceses recoñecidos a nivel internacional polas orixinais mesturas artísticas que incorporan ós seus actos. Traen ao Festimax a súa proposta estrela, unha combinación de tango e maxia, un número de gran destreza. Pola súa banda, Pedro III presentará un dos seus espectáculos máis aclamados: The Laserman, unha performance de son e luz con milleiros de raios láser. Kenneth, chegado de Compostela, arrasará cun número misterioso e poético, tras triunfar no último Congreso Nacional de Maxia levando o premio na categoría de Manipulación. Xa por último, Bonjin Koo aterra dende Corea por primeira vez en Galicia para representar unha actuación traballada durante anos e que consta dunha técnica exquisita, baseada na antiga tradición da ópera chinesa do cambio instantáneo de máscaras.

As sesións da Gala Máxica Internacional terán lugar en Bertamiráns o sábado 28 (a primeira sesión ás 17:00 e a segunda sesión ás 20:00 horas) e no Milladoiro o domingo 29 (a primeira sesión ás 17:00 e a segunda sesión ás 20:00 horas).

Obradoiros de maxia
Por outro lado tamén se van realizar obradoiros de maxia, a cargo do propio Joshua Kenneth, dirixidos a nenos e nenas de entre 8 e 14 anos. Para participar nestas iniciativas será necesario inscribirse previamente, enviando un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal indicando nome, apelidos e un número de teléfono. Para os obradoiros de maxia do Milladoiro quedan 15 prazas dispoñibles, mentres que para os de Bertamiráns tan só quedan 4 prazas libres.

Haberá catro sesións, e cada grupo estará conformado por un máximo de 12 cativos/as. Na Casa da Cultura de Bertamiráns as sesións desenvolveranse o sábado 28 (ás 11:00 o primeiro grupo e ás 12:00 horas o segundo) e na Casa da Cultura do Milladoiro o domingo 29 (ás 11:00 o primeiro grupo e ás 12:00 horas o segundo).

As entradas e os convites para as galas pódense adquirir a través da Billeteira electrónica, premendo nesta ligazón. Para calquera dúbida débese contactar co departamento de Cultura nos números de teléfono 981 53 59 40 e 662 37 74 44.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Santiago y Ames se llenan de magia con Abracastaña y FestiMax"

La Voz de Galicia: "El FestiMax llena de magia Ames este fin de semana"

Cartaz do FestiMax 2023

Multimedia

  • Cartaz do FestiMax 2023
  • Cartaz do FestiMax 2023
  • Embedded thumbnail for