Ata o día 19 de xaneiro está aberto o prazo para inscribirse no novo Programa Integrado de Emprego dos Concellos de Ames e Brión 2021-2022. Este ano, o programa está aberto a 100 persoas (60 mulleres desempregadas dos concellos de Ames e Brión e 40 persoas menores de 30 anos desempregadas e cunha cualificación máxima de Bacharelato), que se formarán nos ámbitos de comercio, almacén, ocio infantil e tempo libre, limpeza e arranxo de habitacións en hoteis, turismo e TICs.
O novo Programa Integrado de Emprego dos Concellos de Ames e Brión desenvolverase ata o vindeiro mes de novembro de 2022. Está subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade con 243.316,35 euros e confinanciado polos Concellos de Ames e Brión. O obxectivo do programa é que, como mínimo, o 40% das persoas participantes atopen un traballo, porcentaxe superada nas últimas edicións dos programas integrados de Ames e Brión.
Nos vindeiros días pecharase o proceso de selección das persoas participantes, quedando xa as últimas prazas por cubrir. Nesta edición, os participantes deberán encadrarse nos seguintes perfís:
-Persoas menores de 30 anos desempregadas dos concellos de Ames e Brión e cunha cualificación máxima de Bacharelato.
-Mulleres desempregadas dos concellos de Ames e Brión.
As persoas participantes formaranse nos ámbitos do comercio, almacén, ocio infantil e tempo libre, limpeza e arranxo de habitacións en hoteis, turismo e Tecnoloxías da Información e a comunicación (TICs) e poderán realizar prácticas en empresas. Terán titorías individualizadas nas que se lles ofrecerá información e orientación para a intermediación laboral. A través de formación transversal obterán coñecementos en novas tecnoloxías e inglés. Tamén adquirirán coñecementos en ferramentas de busca de emprego, técnicas de coaching e intelixencia emocional.
As persoas interesadas en participar no programa deben estar inscritas como demandantes de emprego e encadrarse nalgún dos colectivos anteriores. Poden apuntarse para participar no proceso de selección cubrindo o cuestionario dispoñible neste enlace ou escaneando o código QR que está ao pé desta nova. O prazo de inscrición estará aberto ata o 19 de xaneiro.
Bolsas e axudas á conciliación
Ademais as persoas que formen parte do novo Programa Integrado de Emprego Ames-Brión teñen dereito a unha bolsa de 7 euros ao día pola asistencia ás diversas accións do programa. Tamén se poñerá a disposición das participantes axudas para a conciliación da vida laboral e familiar. Estas axudas estarán destinadas a cubrir os gastos de gardería e/ou atención ás persoas dependentes.
O programa desenvolverase no Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames (Rúa Costaneira, 2 - Urbanización de Aldea Nova, Ames). Pódese solicitar máis información enviando un correo electrónico ao enderezo inseramesbrion@gmail.com ou chamando aos números de teléfono 608 459 678 (María Lloves) e 663 771 876 (Pablo Bello).
A concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, destaca o bo funcionamento do programa integrado de emprego de Ames e Brión e “anima a todas aquelas mulleres desempregadas e persoas menores de 30 anos, que estean na actualidade sen emprego, a inscribirse nas últimas prazas que quedan dispoñibles, porque é unha boa opción de formarse para acceder ao mercado laboral”.
Novas relacionadas
La Voz de Galicia: "El plan de empleo de Ames y Brión que logra un mínimo del 40 % de contrataciones tiene plazas libres"
El Correo Gallego: "Últimos días para anotarse ó programa de emprego con traballo para o 40 %"