- Tematica
O vindeiro 9 de decembro remata o prazo para inscribirse no IX Certame de Fotografía Comercial, organizado pola Asociación de Empresarios do Novo Milladoiro en colaboración coa Concellería de Promoción Económica do Concello de Ames. A temática do concurso xirará en torno á estética do parque e á actividade económica que alí se desenvolve. Haberá unha categoría absoluta e outra xuvenil e infantil, e os gañadores daranse a coñecer nunha gala que se celebrará o día 21 de decembro na Casa da Cultura do Milladoiro.
Esta semana, o 9 de decembro, remata o prazo para que aqueles que o desexen se inscriban no IX Certame de Fotografía Comercial, organizado pola Asociación de Empresarios do Novo Milladoiro en colaboración coa Concellería de Promoción Económica do Concello de Ames. O obxectivo deste certame é compartir imaxes de calidade do parque empresarial do Novo Milladoiro para poñer en valor o peso empresarial e comercial da zona.
Temática e categorías
As fotografías deberán crear unha estética das construcións eminentemente funcionais do parque empresarial, e poderán realizarse con calquera tipo de técnica e estilo, en cor ou en branco e negro, pero primando sempre un enfoque comercial. As obras presentadas poden retratar tanto ás instalacións como o equipo humano, os produtos, os eventos ou calquera outra actividade que realicen as empresas.
Os participantes dividiranse en dúas categorías: xuvenil - infantil, na que poden participar os menores de 18 anos, e absoluta, reservada para os adultos maiores de 18 anos. Na categoría de adultos repartiranse 3 premios: o primeiro está dotado con 500 euros, o segundo con 400 e o terceiro con 300. Pola súa banda, na categoría infantil - xuvenil entregaranse vales para gastar en material de papelaría. O primeiro clasificado gañará un bono por valor de 75 euros, mentres que o segundo e o terceiro recibirán vales por importe de 50 e 40 euros, respectivamente.
Presentación de fotografías
O prazo para enviar as fotografías remata o vindeiro 9 de decembro. As bases do certame limitan as obras dos participantes a unha imaxe por persoa, que deberá enviarse ao enderezo de correo electrónico: certamefotografico@aenovomilladoiro.com. É imprescindible que vaia acompañada dun título e dos datos do autor/a: nome e apelidos, data de nacemento, número de carné de identidade, dirección, correo electrónico e teléfono de contacto (preferiblemente móbil).
As fotografías deben ser inéditas e tratar sobre a actividade económica do parque empresarial do Milladoiro, sen saír dese término xeográfico, conseguindo captar os elementos máis dinámicos, representativos e identificables das empresas. Poderán ser alteradas dixitalmente, sempre e cando se detecte a simple vista a conexión clara co parque empresarial. Todos os arquivos serán en formato JPEG ou JPG e deberán estar en alta resolución.
Unha vez rematado o prazo para participar, as imaxes serán valoradas por un xurado composto por Javier Santos, presidente da Asociación de Empresarios do Novo Milladoiro, Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica, Javier Antelo, concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural (profesional do audiovisual e do mundo da televisión), así como por dous profesionais do ámbito da fotografía: Alex Uzal, de Fílmate Estudos Fotográficos e Xoán A. Soler, fotoxornalista do xornal La Voz de Galicia. Os aspectos a valorar son a expresión artística e a calidade fotográfica (encadre, enfoque, luminosidade, creatividade, etc).
21 de decembro: gala de entrega de premios
O fallo farase público o xoves 21 de decembro ás 20.30 horas, nunha gala que se celebrará no salón de actos da Casa de Cultura do Milladoiro e que será aberta ao público. Dita gala estará presentada e amenizada polo actor, director, adaptador teatral e narrador de historias, Quico Cadaval. Todas as obras serán expostas na propia Casa da Cultura do Milladoiro do 20 de decembro de 2023 ate o 31 de xaneiro de 2024.