- Tematica
O prazo para inscribirse no servizo de conciliación “Setembro Lúdico” está aberto ata o día 17 de xullo. Dito programa desenvolverase este ano nos días 1, 4, 5, 6, 7 e 8 de setembro. O programa ten un horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedores e Bos Días. Poderán participar aquelas familias empadroadas no concello de Ames con crianzas escolarizadas no segundo ciclo de educación infantil e primaria (non poderán participar os nenos/as que vaian cursar 4º de infantil no curso 2023/2024 nin os nenos/as que para o curso 2023/2024 vaian a cursar a ESO). As persoas interesadas deben entregar a documentación necesaria na Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns). Pódese obter o impreso de inscrición premendo nesta ligazón.
O programa de conciliación Setembro Lúdico volverá a realizarse a comezos do vindeiro mes de setembro co obxectivo de axudar ás familias amesás a compatibilizar a vida laboral e a familiar. Para sumarse ao servizo, cómpre que as nais, pais ou responsables legais acrediten a necesidade de conciliar. Neste senso, os centros educativos nos que se desenvolverá o Setembro Lúdico serán o CEIP da Maía, en Bertamiráns, e no Milladoiro, a EEI do Milladoiro e o CEP de Ventín. O programa desenvolverase nos días 1, 4, 5, 6, 7 e 8 de setembro de 2023.
O Setembro Lúdico oferta os servizos de conciliación habituais nos programas do concello, como o Bos Días ou os comedores, co fin de adaptarse ás necesidades de cada familia. Deste xeito, os horarios de entrada dos nenos e nenas poden comezar ás 7:30 ou ás 9:00 horas, cun almorzo opcional para as crianzas máis madrugadoras, mentres que as horas de recollida serán as 14:30 ou as 16:00 horas.
Poderán participar aquelas familias empadroadas no concello de Ames con crianzas escolarizadas no segundo ciclo de educación infantil e primaria (non poderán participar os nenos/as que vaian cursar 4º de infantil no curso 2023/2024 nin os nenos/as que para o curso 2023/2024 vaian a cursar a ESO). Ademais, para acceder a este servizo as familias non poden ter débedas en período executivo coa facenda municipal. Premendo nesta ligazón pódese obter o impreso de inscrición no programa Setembro Lúdico 2023.
Lugar de presentación de solicitudes
As solicitudes poden presentarse no rexistro telemático, a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Estas tamén se poden entregar de xeito presencial en calquera das oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns. Tamén se poden presentar a través de calquera outro rexistro ao que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro de procedemento administrativo común das AAPP.
Unha vez rematado o prazo de inscrición, publicarase a lista provisional de persoas admitidas e excluídas na sección de avisos da web municipal e na páxina conciliames.gal, na que se establecerá un prazo para entregar a documentación requirida naqueles casos nos que sexa preciso.
Documentación necesaria
As persoas interesadas deben presentar a seguinte documentación, salvo que xa estea en poder do persoal do departamento de Educación: copia simple do libro de familia e do DNI do titular da conta; documentación que indique a ocupación dos pais, nais, ou responsables legais; certificados de traballo e, de ser o caso, certificación de estar realizando cursos de formación ou calquera outra que especifique a necesidade de conciliar a vida laboral e familiar. De ser o caso, deberá presentarse ademais, un informe médico que acredite a necesidade de dieta ou calquera outro tipo de tratamento especial. No caso de ruptura familiar, tamén se debe presentar documentación que o xustifique.
Para máis información pódese chamar ao número de teléfono do departamento de Educación, o 981 891 476, ou ben enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal.