Pestanas principais

Últimos días para participar na segunda edición do Premio Lingua e Empresa que promove o uso do galego na actividade empresarial amesá

Martes, 29 de outubro de 2019

O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística e do departamento de Promoción Económica, pon en marcha por segundo ano consecutivo o Premio Lingua e Empresa, co obxectivo de recoñecer o uso e fomento da lingua galega na actividade empresarial. Optarán a este galardón todas as empresas, con sede social ou centro de actividade no concello de Ames, que sexan propostas ata este xoves, 31 de outubro, por calquera persoa ou entidade, ou pola propia empresa que queira participar.

Esta iniciativa ten como finalidade promover o uso do galego na actividade económica do Concello de Ames, concretamente na actividade empresarial, e recoñecer publicamente a contribución ao aumento e mellora do uso social do galego desde este sector. Así, valorarase o uso da lingua galega tanto no referente á comunicación externa como á interna. Por exemplo, en ámbitos como a páxina web e redes sociais (se existisen), sinalética e comunicación do establecemento empresarial, na atención ao público, en campañas publicitarias ou materiais de promoción en calquera soporte. Asemade, será tamén de relevancia a comunicación interna co persoal ou entre os diferentes departamentos ou calquera outro mérito que a propia empresa queira salientar neste ámbito.

Cómpre engadir que tamén será tomado en conta o impacto que a actividade empresarial poida ter en sectores especialmente relevantes para o proceso de normalización lingüística. Para a comprobación destes méritos, as empresas candidatas deberán indicar os enlaces de información correspondente ou achegar materiais impresos, e facilitaranlle ao Concello de Ames toda a información que se lles requira sobre os usos lingüísticos na súa comunicación externa ou interna ou sobre a veracidade dos datos aportados na candidatura.

Resolución do premio: do 15 ao 22 de novembro
A resolución do premio farase pública entre o 15 e o 22 de novembro. Este irá acompañado dunha dotación económica de 2.500 euros, xunto cunha campaña de difusión da empresa gañadora na Radio Municipal de Ames. Ademais a empresa premiada poderá mencionar na súa comunicación a obtención desta distinción e mesmo incluíla na súa publicidade ou papelería.
A presentación dunha candidatura pode realizarse de xeito presencial ou telemático, cubrindo unha instancia xeral e achegando o modelo de ficha que pode ser descargado ó final desta nova. Os lugares habilitados para a facelo de xeito presencial son a Casa do Concello (Bertamiráns) ou nas oficinas municipais do Milladoiro. Ambos de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas da mañá. No caso de facelo telematicamente, realízase a través da sede electrónica do Concello. O prazo para facelo remata este xoves, 31 de outubro, ás 14.00 horas.

Para solicitar máis información pódese contactar co Servizo de Normalización Lingüística (normalizacion@concellodeames.gal/662 377 215) ou co Departamento de Promoción Económica (promocioneconomica@concellodeames.gal / 981 883 002 -ext. 2010).

>>ACCEDE AO TRÁMITE DE PARTICIPACIÓN NO PREMIO LINGUA E EMPRESA

Lingua e empresa 1

Multimedia

  • Lingua e empresa 2