[14-09-2016] Co comezo do outono xa próximo, a compañía Circo Expresso con Pistacatro Productora de Soños SL, traen o sol, a area e o mar até Bertamiráns este domingo 18 de setembro. Dous dos seus artistas, protagonistas do espectáculo de circo-teatro “Un día de praia”, actuarán a partir das 13:00 horas no parque do Rueiro de Bertamiráns.
“Un día de praia” é un espectáculo no que se combinan os exercicios en trapecio, a corda e os hula-hops. A todo isto hai que engadir o humor que asoma nos diálogos, sempre xestuais, dos seus protagonistas Raquel e Girisho. Os vaivéns da súa relación fiarán o espectáculo, chego de enerxía, acción e cunha estética moi coidada. Esta actividade cultural, que ten unha duración de 50 minutos aproximadamente, é de balde e está pensada para todos os públicos.
A compañía Pistacatro, Produtora de Soños é un proxecto empresarial e social fundado no 2004 por sete creadores de diferentes disciplinas (circo, música, teatro e danza) co obxectivo de fundar un novo modelo de compañía, produtora cultural e distribuidora que crea e achega os seus propios shows baixo o carimbo da propia esixencia artística e a eficacia na súa distribución. Novo Circo, shows de rúa, música, teatro, eventos, animacións, festivais e unha escola de circo propia concretan o tipo de soños que producen.