- Tematica
Esta mañá, ás 10.30 horas, partiu cara Fornelos de Montes (Pontevedra) un grupo de 34 rapaces e rapazas de 6 a 14 anos, para participar no último campamento que organiza o Concello de Ames durante este verán. Estarán ata o luns 2 de setembro na granxa escola Kiriko, onde os nenos e nenas gozarán dun entorno natural único e dos costumes do rural. Para os meses de xuño, xullo, agosto e setembro organizáronse un total de 9 campamentos nos que participan uns 408 rapazas e rapaces. Trátase de ofrecer unha oferta formativa de desenvolvemento persoal concibida para, de xeito progresivo, dotar ás crianzas e ás mozas e mozos das ferramentas precisas para lograr a autonomía e a independencia, ao tempo que se promove a cooperación e o respecto, ademais dun estilo de vida saudable ligado ao medio natural, ao deporte e á cultura.
Do 28 de agosto ao 2 de setembro un grupo de 34 rapaces e rapazas estarán 6 días na granxa escola Kiriko, que se atopa no concello pontevedrés de Fornelos de Montes. Durante a súa estadía participarán en actividades de granxa baseadas no contacto directo cos animais da granxa; actividades de bosque (xogos de educación ambiental, obradoiros de reciclaxe ou con elementos do bosque, etc); así como actividades complementarias (actividades de carácter lúdico, dinámicas de colaboración, veladas de animación: xogos nocturnos e festas, xincanas, piscina e xogos acuáticos).
O centro conta cun equipo de monitores-educadores conformado por profesionais do campo do ocio, deportes, pedagogos e educadores que se esforzan por transmitir valores de respecto cara o entorno natural, a través dun coñecemento máis fondo de este e do goce de todo o que lles aporta. Así mesmo, promoven a colaboración entre os nenos e nenas nos campamentos, o xogo limpo, o afán de superación persoal e a tolerancia para unha mellor convivencia. Co fin de servir como nexo de unión entre os/as nenos/as e a granxa escola Kiriko, e tamén como referencia para os pais/nais, asisten ao campamento dous monitores do Concello de Ames.
Os pais/nais e familiares poderán chamar aos rapaces e rapazas para falar con eles todos os días, en horario de 15.00 a 16.00 horas, ao número de teléfono 986 76 86 00 (existen 3 liñas), aínda así dende o Concello e a propia Granxa escola recomendan que non é conveniente chamalos diariamente. Premendo na ligazón que está ao pé desta nova poderás obter un documento PDF con información de interese sobre o campamento na granxa escola Kiriko.
Participan uns 408 rapazas e rapaces
O Concello de Ames organiza para todos os veráns un programa de campamentos municipais. Este ano estas actividades comezaron o pasado 25 de xuño e realizaranse ata o 2 de setembro. En total, dito programa inclúe a realización de 9 campamentos diferentes ao do longo do verán. Sete destes campamentos son organizados pola Aula da Natureza e dous pola OMIX.
Coa súa organización, búscase ofrecer unha oferta formativa de desenvolvemento persoal concibida para, de xeito progresivo, dotar ás crianzas e ás mozas e mozos das ferramentas precisas para lograr a autonomía e a independencia, ao tempo que se promove a cooperación e o respecto, ademais dun estilo de vida saudable ligado ao medio natural, ao deporte e á cultura. Nestes nove campamentos participan uns 408 rapazas e rapaces.