Pestanas principais

Un grupo de 40 alumnos/as está preparando as probas para obter o título da ESO na Escola Municipal de Adultos do Concello de Ames

Xoves, 10 de abril de 2014

[10-04-2014] A Escola Municipal de Adultos do Concello de Ames segue coa preparación das probas para obter o título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de 18 anos. No mes de outubro comezou un novo curso deste servizo municipal, que ofrece formación para obter o título da ESO. No mes de febreiro comezou o segundo cuadrimestre con 40 alumnos/as matriculados. Neste mes de abril e en xuño haberá exames parciais para o alumnado que está sacando o título por módulos, mentres que as persoas que se presentan á proba libre terán que examinarse o día 23 de maio. As clases da Escola Municipal de Adultos impártense catro días á semana, en horario de 18:00 h a 21:00 horas, nunha aula do Centro de Formación e Servizos Múltiples do Concello en Aldea Nova.

A Escola Municipal de Adultos axúdalles ás persoas maiores de 18 anos do concello a obter o título de educación secundaria preparando os exames necesarios. As clases deste servizo, que está impulsado pola Concellaría de Educación, son impartidas por unha técnica municipal do departamento de Educación. Na actualidade estase desenvolvendo o segundo cuadrimestre con 40 alumnos e alumnas matriculados, que ou ben mediante os diversos módulos que conteñen toda a materia necesaria para superar a ESO ou ben preparando directamente o exame libre de xuño, tentarán obter o título de educación secundaria.

Os alumnos/as que preparan os diferentes módulos e se presentan aos exames parciais xa tiveron exames no primeiro cuadrimestre no IES San Clemente, situado en Santiago de Compostela. Deste grupo de alumnos/as, algúns aprobaron todas as materias e matriculáronse no segundo cuadrimestre. Os que non aprobaron todos os ámbitos tiveron exames extraordinarios os días 10 e 11 de marzo. Agora no mes de abril e no mes de xuño tamén haberá exames parciais.

Outros alumnos/as optan por preparar e presentarse á proba libre do día 23 de maio. Neste día examínanse dos tres ámbitos, pola mañá do ámbito científico-tecnolóxico, que inclúe exercicios das materias de matemáticas, ciencias da natureza e tecnoloxía, así como aspectos relacionados coa saúde e o medio natural. Na segunda parte realizarase a proba do ámbito social, que inclúe exercicios das materias de ciencias sociais, xeografía e historia, educación para a cidadanía e aspectos perceptivos correspondentes ás materias de educación plástica e visual, e música. Na sesión da tarde, realizarase a proba do ámbito da comunicación, que comprende exercicios de lingua galega e literatura; lingua castelá e literatura; e lingua estranxeira. Para os que non teñan a sorte de aprobar hai outra convocatoria extraordinaria o día 11 de setembro.

As clases impártense nunha aula do Centro de Servizos Múltiples do Concello en Aldea Nova ao longo da semana laboral, de luns a xoves en horario de 18:00 h a 21:00 horas. Á hora de organizar os cursos académicos, tense en conta o perfil de cada alumno/a e valóranse factores que van desde a idade á formación inicial, dispoñibilidade persoal de asistencia ou a procedencia da persoa. Existe, ademais, un servizo de titoría clave á hora de preparar as probas finais.

A matrícula está aberta todo o ano
A Escola Municipal de Adultos non esixe asistencia obrigatoria, e esta queda función das posibilidades de cada quen, xa que hai alumnado que compatibiliza un emprego coa formación. A matrícula permanece aberta ao longo do ano, polo tanto poden apuntarse aquelas persoas que só desexen realizar o exame final no IES San Clemente de Santiago de Compostela, malia que é recomendable a asistencia ás aulas desde o comezo do curso para ter maiores garantías de aprobar.

Todos os veciños e todas as veciñas de Ames maiores de 18 anos que desexen obter o título de graduado en educación secundaria, poden matricularse para este curso 2013-2014 no departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, e nas Oficinas Municipais do Milladoiro, na rúa de Abaixo, número 10. Ante calquera dúbida poden chamar ao departamento de Educación a través do número de teléfono 981 891 476.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Un grupo de 40 alumnos/as está preparando as probas para obter o título da ESO na Escola Municipal de Adultos de Ames"