Pestanas principais

Un grupo de 71 rapaces e rapazas participan na primeira semana do Dépor Campus de fútbol de Ames

Martes, 05 de xullo de 2016

[05-07-2016] Este luns, 4 de xullo, comezou a primeira edición do campus de fútbol do Real Club Deportivo da Coruña celebrado en Ames. Esta iniciativa está tendo un gran éxito de convocatoria, con 71 rapazas e rapaces anotados na primeira semana e 69 na segunda. A inscrición para a vindeira semana continúa aberta. Na organización deste campus participan o Bertamiráns FC e mailo Concello de Ames.


No campo municipal de fútbol de Bertamiráns 71 rapazas e rapaces visten a camiseta azul e branca. Teñen entre 4 e 16 anos e participan no primeiro Campus de fútbol celebrado polo RC Deportivo da Coruña. A meirande parte deles e delas teñen entre 8 e 12 anos; todos corren dunha estación a outra para realizar distintos exercicios. Este é o nome que, explica o coordinador do campus David Lagar, “lle damos ás distintas áreas nas que dividimos o campo”. Son cinco en total, nunha dela sitúanse os porteiros e no resto rotan os demais xogadores divididos por idades.

O coordinador do campus explica o seu funcionamento: “En cada unha das estacións trabállanse aspectos técnicos e tácticos diferentes, despois dos exercicios organizamos pequenos partidos”. A segunda semana organizarase de xeito similar, mais os últimos días de ambas “serán algo diferentes, xogaremos un pequeno torneo e imos facer sorteos entre os rapaces”. Aos e ás participantes agárdalles unha sorpresa para o derradeiro día “virá visitalos un xogador do Dépor, aínda que non sabemos quen será”. Rapaces e rapazas terán que agardar ao último día para descubrilo.

Nestes campus os cinco adestradores, todos eles proveñen das instalacións do RC Deportivo na Coruña, ensínanlles aos rapaces e rapazas o seu xeito de adestrar aos equipos de menor idade do club herculino. David Lagar explica que nalgúns casos fanse seguimentos: “Nun campus no que participei coincidín cun xogador ao que despois eu mesmo adestraría no club”.

Na primeira edición do Campus do Dépor en Ames participan moitos rapaces do propio Bertamiráns FC, mais tamén xogadores e xogadoras de concellos próximos como Brión, A Baña ou Negreira. Algúns, explican os organizadores “veñen de máis lonxe, apuntouse un rapaz venezolano, outro sueco e un rapaz madrileño tamén”. A semana que vén será a quenda de 69 rapaces e rapazas, algúns deles e delas “repetidores” que xa están participando durante esta primeira semana.

A inscrición para a vindeira semana continúa aberta, aquelas persoas que queiran obter máis información ou teñan algunha dúbida pódena resolver escribindo ao enderezo campusbertamirans@canaldeportivo.com, nas páxinas web www.canaldeportivo.com - www.bertamiransfc.com ou chamando ao teléfono 620 875 369.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Llegó el verano, y también el deporte"