Pestanas principais

Un total de 255 persoas beneficiáronse do punto de atención turística do Concello de Ames

Venres, 22 de setembro de 2023

O Concello de Ames inaugurou o día 15 de xullo un punto de información turística que atendeu un total de 255 persoas ata o pasado 15 de setembro, data na que deixou de estar operativo. O mes de xullo foi sen lugar a dúbida o mes máis forte en canto a traballo nesta oficina, no que se atenderon a máis de 140 persoas e se promediaron case 10 usuarios ao día.

Despois dos resultados acadados, o alcalde, Blas García, reitera o seu compromiso con este novo servizo e catalógao de “moi necesario” e que seguirán “ampliando e mellorando ano a ano”.

A iniciativa, que xurde dun acordo entre o Concello de Ames e a Asociación de Amigos do Camiño Portugués, destapouse como unha ferramenta fundamental para a difusión sobre servizos, recursos culturais, patrimoniais e turísticos de Ames e dos arredores.

Este punto, localizado na esquina da rúa dos Agriños coa rúa do Muíño Vello, xunto a área de autocaravanas, proporcionou maioritariamente información aos usuarios deste novo tipo de turismo que encontra na área gratuíta do Milladoiro un aparcamento alquitranado, pavimentado e que conta con todos os servizos necesarios.

En canto á información solicitada, un 44% dos usuarios acudiron por motivos de trasporte, mentres que o resto a partes case iguais solicitaron información sobre Milladoiro, Santiago de Compostela e o Camiño. As nacionalidades dos turistas foron moi variadas, aínda que os turistas nacionais foron claramente os máis destacados cunha representación do 61%, seguido dos franceses cun 14% e os alemáns cun 6%.

O rango de idade de entre 21 e 40 anos foi o máis destacado e en canto ao xénero de cada 4 persoas que acudiron ao punto tan só unha era muller, polo que se pode resumir perfil de usuario en home de entre 21 e 40 anos, español e que practicante de turismo de autocaravanas.

Este punto foi atendido por dúas persoas que participan no programa chamado “iniciativas sociais no Camiño” que desenvolve a Asociación do Camiño Portugués en Ames e Teo. O Concello de Ames chegou a un acordo con esta asociación para que este servizo estivese operativo dende o 15 de xullo ata o 15 de setembro de luns a sábado en horario de 10:30 a 18:30 horas.

Imaxe do punto de atención turística do Concello de Ames

Multimedia

  • Imaxe do punto de atención turística do Concello de Ames
  • Imaxe do punto de atención turística do Concello de Ames