Pestanas principais

Un total de 28 mozos e mozas pasarán unha semana no Surf Camp Caldebarcos

Luns, 01 de xullo de 2013

[01-07-2013] Este domingo pasado, 30 de xuño, comezou o campamento de verán para un grupo de 28 mozos/as que estarán ata o 7 de xullo no Surf Camp Caldebarcos, situado en Carnota. O vindeiro domingo será a quenda para outro grupo de 26 rapaces e rapazas que tamén acudirán a este mesmo campamento. En total, 54 mozos e mozas participarán no Surf Camp Caldebarcos. Esta actividade tivo un gran demanda entre a mocidade amiense. En principio, ofertáronse un total de 50 prazas (25 por quenda). Finalmente, acordouse coa empresa que xestiona o campamento o incremento de prazas para evitar que 4 rapaces quedasen sen esta actividade. Este campamento está dirixido aos rapaces e rapazas de 1º a 4º de Educación Secundaria.

Durante a primeira quincena do mes de xullo a mocidade amiense poderá gozar do campamento municipal que se desenvolve en Caldebarcos, situado en Carnota. Esta actividade está dividida en dúas quendas. A primeira desenvólvese entre o 30 de xuño e o 7 de xullo, mentres que a segunda será do 7 ao 14 de xullo. Onte pola mañá saíu o primeiro grupo, composto por 28 mozos e mozas, dirección Caldebarcos.

O Surf Camp Caldebarcos atópase nunha paraxe sen igual como é a zona de Carnota. Neste campamento teñen o mar como fío condutor e unificador das actividades que se desenvolven. Ao longo de toda a semana os mozos/as poderán practicar unha ampla variedade de disciplinas deportivas nun espazo medioambiental no que aprenderán a través do xogo. O mar é deporte, é aproveitamento, é coidado, é diversión, etc.

Actividades deportivas e saídas
Os rapaces e rapazas poderán participar nunha serie de actividades que teñen como elemento primordial o mar. Algunhas destas actividades son o surf e kaiak surf que consiste en utilizar a forza propulsora das olas do mar para deslizarse sobre as propias olas enriba dunha táboa (en kaiak surf, farase coa axuda dun kaiak e unha pala). Outra das actividades é o “paddelboard”. Trátase dunha antiga forma de deslizamento na que o/a navegante utiliza un remo para desprazarse pola auga mentres permanece de pé nunha táboa de surf.

Ademais, os rapaces e rapazas practicarán “esnorquel”, que é unha disciplina de buceo de superficie no que se utilizan unha gafas cun tubo e aletas xunto cun motor (scooter) manual que fan desta actividade toda unha aventura, e o “bodyboard” que é unha actividade moi similar ao surf na que se utiliza unha táboa máis pequena e en lugar de deslizarse estando de pé, faise deitado/a.

Tamén se farán actividades de “xeocaching” (onde os mozos/as aprenderán a usar o compás e o GPS deportivo a través das nocións que se lles amosan de cartografía e planimetría) e practicaranse deportes alternativos como o “ultimate” (xógase cun disco voador onde se marcan puntos pasándoo entre xogadores/as para alcanzar a zona final do outro equipo) e o “kin-ball” (é un deporte de balón de orixe canadense moi curioso, que fomenta a coeducación entre os participantes). Por último, farase unha saída a Baroña onde se practicará a escalada e visitarase o Castro, interpretando o entorno histórico e natural que o rodea.

Actividades temáticas
Por outra banda, baseándose na temática principal do campamento, o mar, realizaranse unha morea de actividade e obradoiros relacionados co medio ambiente e a natureza. Algunha destas actividades serán: “Natura-Carnota”, “Intermareal”, “Laboratorio da Auga”, “Mares de Lira” e “Caderno de Bitácora”. Estas actividades estarán relacionadas co recoñecemento medioambiental da flora e a fauna da costa a través dunha xincana fotográfica, traballos coa auga a través de circuítos e mecanos, actividades interxeracionais a través dos usos e costumes das xentes da zona, creación de maquetas de barro e cadernos reciclados, etc.

Tamén haberá veladas nocturnas: “O tesouro irmandiño”, “Foliada”, “A pantasma das Furnas” e moitas dramatizacións cheas de sorpresas. Por último, están previstas determinadas actividades e obradoiros, para as ocasións en que, polas circunstancias adversas que poidan ocorrer, non se poida realizar a programación inicial. Algunha destas actividades consisten en obradoiros de graffite, Corpóreo, Exprésate, Videoforum, DJ, Break Dance, etc.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Un total de 28 mozos e mozas pasarán unha semana no Surf Camp Caldebarcos"