Pestanas principais

Un total de 67 familias de Ames benefícianse das axudas municipais para familias numerosas

Xoves, 27 de decembro de 2018

[27-12-2018] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o reparto de axudas para as familias numerosas do concello de Ames. Así, repartíronse 80.400 euros entre 67 familias (33 aprobadas pola UTS de Bertamiráns e 34 aprobadas pola UTS do Milladoiro). As axudas consisten nun pagamento único de 1.200 euros por unidade de convivencia A estas axudas puideron optar as familias numerosas que teñen a súa residencia habitual no Concello de Ames, de maneira ininterrompida desde hai polo menos un ano.

O obxectivo destas axudas é proporcionarlles apoio económico a aquelas familias cualificadas como numerosas pola consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, ou organismos análogos doutras comunidades autónomas. Os beneficiarios/as destas axudas son aquelas familias numerosas que teñan a súa residencia habitual no municipio de Ames. Con este tipo de iniciativas, o Concello de Ames, a través da Concellería de Servizos Sociais, pretende axudar a aquelas familias que máis dificultades teñen para a crianza dos fillos; aínda que estas axuda non é exclusiva, singulariza a Ames entre os municipios da área.

Para iso a Xunta de Goberno Local acaba de aprobar a concesión destas axudas económicas tramitadas no ano 2018 e que se corresponden co ano natural 2017, que consisten no pagamento único de 1.200 euros por unidade de convivencia. Neste caso, repartíronse 80.400 euros entre 67 familias (33 aprobadas pola UTS de Bertamiráns e 34 aprobadas pola UTS do Milladoiro).

Ademais, denegóuselle esta axuda a 23 familias por diversos motivos recollidos nas bases de dita convocatoria de axudas e solicitóuselle documentación a 20 unidades de convivencia para que a acheguen co obxecto de poder aprobarlle tamén esta axuda unha vez se comprobe a documentación achegada.

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, destaca que “Ames ten uns segmentos de poboación moi variados e hai un número importante de familias para as que estas axudas son imprescindibles á hora de abordar os seus gastos correntes ou algún gasto extraordinario. Aínda que Ames é un concello novo e cun saldo vexetativo positivo importante, as familias numerosas xogan un papel importante á hora de reverter a situación demográfica xeral, polo que o Concello de Ames seguirá apostando por este tipo de axudas que, aínda que non teñen un importe moi elevado por familia, si considero que son necesarias xa que supoñen un apoio as súas economías”.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Aproban as axudas amesás para 67 familias numerosas"
Compostela 24 horas: "Ames reparte as axudas para as familias numerosas do concello"