Pestanas principais

Unha decena de asociacións participarán este sábado na III Feira da Saúde e Ben-Estar de Ames

Luns, 08 de abril de 2024

Este sábado, 13 de abril, a praza da Maía de Bertamiráns acollerá a terceira edición da Feira de Saúde e Ben-Estar, organizada polo Concello de Ames a través da concellería de Promoción da Saúde. A partir das 11:00 horas e ata as 20:00 horas, un total de 10 asociacións participarán neste evento cos seus stands para proporcionar información sobre a súa labor a todas aquelas persoas que se acheguen ata a feira. Ademais, a xunta local da Asociación Española Contra o Cancro de Ames participará na Feira da Saúde con dúas exposicións e unha charla sobre o cancro de mama. A temática central desta edición será a menopausia e os seus efectos na vida das mulleres.

Esta mañá a concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, e a técnica municipal do departamento, Rosana Martínez, presentaron na Casa da Cultura de Bertamiráns a terceira edición da Feira da Saúde e Ben-Estar, que se desenvolverá en Ames durante toda a xornada do sábado, 13 de abril, en horario de 11:00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20:00 horas.

A concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, destacou que “un dos obxectivos deste evento é trasladar á veciñanza todas as actividades e iniciativas que fan e todo o apoio que proporcionan as distintas asociacións que van participar. Cando recibes un diagnóstico desagradable, ademais do impacto emocional, estás un pouco perdida á hora de buscar axuda ou información; por iso é tan importante a participación destas asociacións na feira”. Así mesmo, tamén explicou que “tamén serve para concienciar sobre a importancia diaria da saúde, non só cando se está enfermo”.

Na mesma liña se expresou Rosana Martínez,  técnica de Promoción da Saúde, que sinalou que “o que tamén buscamos é darlle visibilidade a todas as asociacións que colaboran connosco neste evento pola saúde”. Rosana Martínez tamén realizou un extensa explicación sobre todas as actividades que se van a realizar ao longo desta semana.

Exposicións e charla da Asociación Española Contra o Cancro
A xunta local da Asociación Española Contra o Cancro de Ames participará na Feira da Saúde con dúas exposicións e unha charla sobre o cancro de mama.

Entre o 8 e o 21 de abril, na Casa da Cultura de Bertamiráns estará a exposición “50 anos. Cambiando a historia do cancro”, na que se recollen exemplos dos avances científicos en cancro que nos últimos anos permitiron mellorar a vida dos pacientes. Esta mostra conmemora o cincuenta aniversario do apoio da Asociación Española Contra o Cancro á investigación oncolóxica, e destaca logros como o desenvolvemento de novas estratexias de medicina personalizada para tratar os tumores de cabeza e pescozo, ou o estudo da predición da resposta ás terapias en cancro colorrectal. Algúns destes resultados de investigación expostos foron realizados na provincia da Coruña polos investigadores Dr. Ángel Carracedo e Dra. Kelly Conde.

Nas mesmas datas a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá outra exposición titulada “A investigación do cancro. Un desafío milenario”. Nela reflíctense os principais fitos desde a prehistoria (de onde datan os primeiros restos de tumores en animais e homínidos) ata o desenvolvemento de novas estratexias de medicina personalizada e inmunoterapia ou de métodos de prevención e detección precoz da enfermidade (como a vacina para o virus de papiloma humano) postos en marcha nas últimas décadas. Ademais, a mostra adéntrase no futuro do cancro e expón os esforzos que realizan os científicos e a Asociación para aumentar as taxas de supervivencia e a calidade de vida dos pacientes.

Ademais, o mércores 10 de abril, ás 19:00 horas, terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns a charla “Novas abordaxes na investigación do cancro de mama”. Será impartida pola doutora Clotilde Costa, investigadora do grupo ONCOMET do Instituto de Investigacións de Sanitario de Santiago de Compostela.

III Feira da Saúde e Ben-Estar
Durante a xornada do sábado, 13 de abril, desenvolverase na praza da Maía de Bertamiráns a terceira edición da Feira da Saúde e Ben-Estar, de 11:00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20:00 horas. Un total de 10 asociacións (AECC, ALCER, ANEDIA, ACEM, Fonte da Virxe, Alcohólicos Anónimos, AL-ANON, CONARTRITES, ASANOG e AEPPNA) disporán dun stand para proporcionar información sobre a súa labor a todas aquelas persoas que se acheguen ata a praza.

A inauguración da Feira farase as 11.00 horas. De seguido, ás 11:15 horas, comezarán as charlas e faladoiros que se van impartir na Casa dos Maiores, situada na praza da Maía. A primeira charla será ás 11.15 horas. Tratará sobre a “Sexualidade no eido das patoloxías crónicas” e será impartido por Alfredo Saborido, traballador social e sexólogo de ALCER Coruña.

Ás 12:00 horas terá lugar un faladoiro sobre menopausia, no que participarán Gretel Lichtenstein, médica de familia do centro de saúde do Milladoiro e do PAC de Santiago de Compostela; Ángeles Martínez Ríos, matrona do centro de saúde de Bertamiráns; María Vilariño Ínsua, matrona do centro de saúde de Bertamiráns e Brión; e Olalla Fernandez Seijas, nutricionista co centro de saúde de Bertamiráns e Brión.

O segundo faladoiro será ás 17:00 horas, da man da psicóloga xeral sanitaria, terapeuta familiar e sexóloga, Belén Montesa Lou; e da fisioterapeuta do centro de saúde do Milladoiro, Diana Otero Lorenzo. Tamén participará Margely Morales, facultativa especialista de área en Obstetricia y Ginecología del CHUS. A última charla será “Como alcohólicos anónimos traballa na súa comunidade”, ás 19:00 horas, impartida pola asociación Alcohólicos Anónimos.

Obradoiros na carpa da praza da Maía
Por outra banda, tamén haberá obradoiros para achegar á veciñanza a labor destas asociacións. Deste xeito, haberá tres actividades infantís: ás 11:45 horas, ASANOG organiza “O termómetro das emocións; ás 12:45 horas comezará “O xogo dos manteis”, impulsado por AEPPNA; e, ás 18:30 horas, Estíbaliz Grande impartirá o obradoiro “Canto azucre teñen os alimentos?”. Así mesmo, tamén haberá unha actividade aberta a tódolos públicos: o obradoiro “Ponte no meu lugar”, ás 17:30 horas, organizado pola asociación CONARTRITES.

TaiChi e marcha nórdica
Tamén haberá espazo para o deporte. Ás 11:30 horas, haberá unha sesión de TaiChi no parque do Ameneiral, e ás 18:00 horas, unha ruta de marcha nórdica. O punto de encontro para ambas as dúas actividades será a carpa da praza da Maía. O percorrido da ruta de macha nórdica variará en función do nivel e número de participantes. En ambas actividades non é necesario ter coñecementos previos para participar.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Diez entidades acudirán a la Feira da Saúde e do Ben-Estar de Ames"

Ames Go: "Feira da Saúde e do Benestar. Sábado 13 de abril, na Praza da Maía de Bertamiráns"

Unha decena de asociacións participarán este sábado na III Feira da Saúde e Ben-Estar de Ames

Multimedia

  • Unha decena de asociacións participarán este sábado na III Feira da Saúde e Ben-Estar de Ames
  • Unha decena de asociacións participarán este sábado na III Feira da Saúde e Ben-Estar de Ames
  • Unha decena de asociacións participarán este sábado na III Feira da Saúde e Ben-Estar de Ames