Pestanas principais

Unha nova brigada protexerá as marxes fluviais e o espazo forestal en Ames

Mércores, 03 de agosto de 2011

[03-08-2011] O Concello de Ames, mediante o Programa de cooperación das entidades locais para a contratación de persoas desempregadas posto en marcha pola Consellaría de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, acaba de contratar, por un período de seis meses, cinco peóns, un capataz e unha enxeñeira forestal. Este novo persoal levará a cabo tarefas de limpeza, prevención de incendios e adecuación das beiras dos ríos, dos regos e dos regatos.


A nova brigada comezou a traballar o luns, 1 de agosto, e, dende o primeiro día, o Concello puxo á súa disposición un equipo de protección individual, ferramentas, maquinaria e un vehículo. No mes de agosto, a brigada centrará o seu traballo en tarefas de prevención de incendios, principalmente rozarán mato nas pistas forestais ás que non pode acceder o tractor. Contra finais de agosto, e aproveitando o baixo nivel dos caudais, a brigada centrarase na limpeza das marxes de ríos, regos e regatos, tarefa que comezarán no rego dos Pasos en Bertamiráns. Así que rematen os traballos nas marxes fluviais, nos meses do outono, continuarán con labores preventivos no monte, pois, para o Concello é importante traballar durante todo o ano na prevención de incendios.

Este equipo comezou as súas tarefas en zonas de difícil acceso para a maquinaria e para os tractores. Os labores, sobre todo manuais, de prevención de incendios serán o seu principal obxectivo. Paralelamente realizarán traballos de mellora no río Sar e no rego dos Pasos.

A Concellaría de Medio Ambiente, debido á urxencia dos traballos requiridos, equipou a brigada con todo o material necesario. Desde o primeiro día, os peóns forestais contaron con roupa, vehículo todoterreo, rozadoras, motoserras, etc. O custo do equipamento e do material de traballo asumiuno por completo o Concello de Ames.

A contía da subvención ascende a 93.912,12 euros. O persoal escolleuse, como en casos anteriores, por medio dun proceso selectivo a partir dunha listaxe de persoas desempregadas remitida desde o Instituto Nacional de Emprego.

Este programa pretende valorizar os recursos ambientais do espazo forestal do concello de Ames e do contorno nas marxes fluviais. Deste xeito vanse levar a cabo accións de limpeza, prevención de incendios e adecuación das beiras de regos e regatos. Tal e como sinalou a Concelleira de Medio Ambiente, Eugenia Martín "as labores de prevención durante todo o ano constitúen un labor moi importante para evitar incendios no verán; do mesmo xeito que é imprescindible a limpeza dos ríos antes das enchentes".


Contido relacionado


El Correo Gallego:"Personal para la prevención de fuegos en Ames"
La Voz de Galicia:"Comienza a trabajar la brigada de protección de los montes y los entornos fluviales de Ames"