Pestanas principais

Unha nova empresa toma o relevo a cargo do servizo de transporte adaptado de Ames

Luns, 18 de xaneiro de 2016

[18-01-2016] Unha nova empresa estará a cargo do servizo de transporte adaptado do Concello de Ames. Ao concurso público presentáronse, no mes de maio de 2015, seis empresas distintas. Este luns a nova empresa toma o relevo dun servizo que leva funcionando xa dez anos e que está pensado para normalizar as condicións de vida e facilitar a integración social das persoas que presenten dificultades de mobilidade.

José é un dos usuarios deste servizo de transporte adaptado, hoxe volta á súa casa empregando o microbús, despois de pasar a mañá na Casa da Cultura de Ames. Di estar "moi satisfeito co servizo" e que as dúas encargadas de poñelo en marcha "son moi amables" É usuario fixo, o microbús lévao cada mañá dende o seu fogar en Aldeanova até Bertamiráns. Leva xa "case tres anos en empregar o servizo" e afirma que o continuará empregando "nun futuro". Preto das 12:30 da mañá deixa a cafetería do Centro da Cultura e parte no microbús con Chelo, condutora, e Noelia, auxiliar de transporte.

Chelo Gómez acaba de chegar a Ames. Este mesmo luns púxose ao volante do microbús adaptado de Ames e, da man de Noelia, auxiliar de transporte, vai "coñecendo o concello e os lugares nos que viven os usuarios fixos". Ten experiencia no oficio, xa que vén de traballar durante seis anos para o servizo do 065. A súa traxectoria como condutora é incluso máis ampla e afirma que coa axuda de Noelia "todo se fai máis doado". Chelo desembarcou no municipio da man da nova empresa concesionaria do servizo e en Ames traballará os próximos tres anos, momento no que o se remata o contrato adxudicado a Transportes Costa.

Noelia Silva, pola súa banda, leva xa seis anos traballando no servizo de transporte adaptado. Explica que ao principio non había tanta xente, pero que "a través do boca a boca vanse sumando usuarios". Os fixos, explica, "van mudando ao longo dos anos, pero case sempre atendemos de forma fixa a unhas once persoas ao día". A eses usuarios súmanse aqueles que soben ao microbús de Chelo de forma puntual. Persoas que Rubén vai anotando, día a día, nunha axenda que despois pon en mans de Noelia. O coordinador da Oficina de Voluntariado explica que, aínda que polo xeral a meirande parte dos usuarios son xente maior, damos servizo a todo tipo de persoas "nenos e nenas tamén". O coordinador engade que este é "un dos servizos máis demandados ao Concello" e que o máis difícil "é facer chegar aos usuarios a existencia do servizo en si". Os voluntarios e voluntarias informan nas Aulas para Maiores e nos centros e Casas da Cultura da existencia do servizo de transporte adaptado, "pero non é suficiente. En ocasións póñome en contacto cos curas das parroquias, para que á súa vez falen cos veciños das aldeas e vilas máis afastadas dos núcleos urbanos." Tanto os beneficiarios do servizo como as súas familias e achegados "lévanse mostrando moi satisfeitas ao longo destes anos".

Os destinos do microbús que levan Chelo e Noelia son do máis variado. Non só centros de rehabilitación, de saúde ou hospitais, senón tamén perruquerias ou supermercados. Á fin e ao cabo búscase facilitar aos usuarios o seu día a día en todos os ámbitos posibles. O servizo é, ademais, gratuíto, e os trámites para o seu emprego bastante rápidos. Rubén explica que o servizo deseñouse de tal forma que " se algunha persoa maior, por exemplo, ten un accidente e precisa a axuda do microbús non teña que pasar por longos trámites e agardas para facerse usuaria".

Rubén Ramos atende as chamadas que chegan á súa oficina na Casa da Cultura de Bertamiráns e anota un nome, unha localización, unha hora e un punto de destino. El é coordinador da Oficina de Voluntariado, pero tamén o encargado de configurar os horarios do servizo de transporte adaptado. Un microbús que leva e trae aos seus usuarios dende os seus fogares a distintas partes do municipio e alén del.

A liña que atende Rubén é a do teléfono 900204000, un número gratuíto ao que poden chamar os usuarios do transporte adaptado para solicitar un traxecto, facer suxestións ou notificar algunha incidencia.Un microbús, levado por unha condutora e supervisado por unha auxiliar de transporte, percorre Ames de luns a venres, en horario de 8:00 da mañá a 19:00 da tarde. Trátase dun servizo que intenta cubrir os baleiros da cobertura do transporte do 06, limitado a casos de urxencia e actualmente sobrepasado polas demandas.

Luísa Feijóo, concelleira de Igualdade, explica que desta forma "garántese a máxima integración dentro dos servizos da contorna daquelas persoas que teñan algún grao de dependencia ou de mobilidade". E é que o microbús non está só a disposición daquelas persoas con recoñecida mobilidade reducida, limitacións no campo visual superiores ao 75% ou amparadas pola Lei de Dependencia, senón tamén a todas aquelas que, por motivos de contexto xeográfico e social, aínda que non teñan grandes problemas de mobilidade si precisen do servizo. Moitos dos usuarios son persoas maiores de setenta anos.