Pestanas principais

Unha nova proba de Agility puntuable para o campionato de España celebrarase esta fin de semana no Milladoiro

Mércores, 05 de setembro de 2018

[05-09-2018] Esta fin de semana do 8 e 9 de setembro, o campo de fútbol do Milladoiro acollerá unha nova proba de Agility puntuable para o campionato de España. A anterior, que foi a segunda en ter lugar no concello de Ames, realizouse o pasado mes de xuño na mesma localización. Organizada polo club canino Amizar Agility, a proba conta coa colaboración do propio Concello, da S.D. Milladoiro, da empresa Arion, da imprenta Alonso e da clínica veterinaria Media Lúa. Belmiro Sousa exercerá como xuíz nesta competición.

O club canino Amizar Agility, en colaboración co Concello de Ames, a S.D. Milladoiro, a empresa Arion, da imprenta Alonso e a clínica veterinaria Media Lúa, organiza novamente unha proba dobre puntuable para o campionato de España 2019 da Real Sociedade Canina de España. A proba, que se celebrará o 8 e o 9 de setembro, terá lugar no campo de fútbol do Milladoiro.

Así, en función do tamaño dos cans, estes serán divididos en tres categorías diferentes: mini, midi e estándar. A primeira inclúe animais que saltando non conseguen superar os 30 centímetros. A segunda abrangue aqueles outros cuxo chimpo acada alturas de 40/50 centímetros. A terceira das categorías, a estándar, inclúe os cans de maior tamaño que conseguen realizar saltos de ata 60 centímetros.

Asemade, a competición presenta tres graos diferentes. O primeiro equivalería a un nivel de iniciación, en tanto que o segundo sería un nivel intermedio. O terceiro dos graos é o máis elevado da competición, ao presentar maiores esixencias para os animais e pistas de maior dificultade.

Así mesmo, cada un dos graos conta con dúas probas: o jumping e o agility. O jumping está conformado por circuítos nos que as zonas de contacto non están presentes, polo que os animas alcanzan maiores velocidades. O agility, ao contrario, si que presenta zonas de contacto, as cales deben ser tocadas polas cans no desenvolvemento da proba.

Prazo de inscrición
Se ben a entrada será gratuíta, para participar será necesario realizar a inscrición antes do xoves, 6 de setembro, a través do correo electrónico amizaragility@gmail.com. O día da proba, os participantes deberán presentar a cartilla de puntuacións e a cartilla veterinaria dos animais, así como aboar a matrícula que ascende a 12€ por día e can. No caso de que unha mesma persoa participe con máis de un can, este prezo só se aplicaría ao primeiro e a inscrición dos seguintes sería de 6€ por día e can. No caso de aplicarse canon, a ditos prezos sumaránselle 0,5€.

Deste xeito, a competición comezará o sábado ás 16.00 horas coa entrega de cartillas, a presentación de participantes e o control veterinario. Ás 16.30 horas dará comezo a proba de grao 1, que corresponde a un nivel de iniciación, e ás 17.15 pasarase á proba de segundo grao. Ao remate desta, terá lugar a terceira, dun nivel avanzado.

O domingo, por outra banda, haberá un programa similar: a entrega de cartillas, presentación e control comezarán ás 10.00 horas e, a partir das 10.30 horas, iniciaranse as probas por orde de dificultade. Belmiro Sousa exercerá como xuíz ao longo da competición.

Contido relacionado


Lindeiros: "Nova proba de Agility no Milladoiro, puntuable para o campionato de España "
Compostela 24 horas: "Unha nova proba de agility puntuable para o campionato de España celébrase este fin de semana en Milladoiro"