Pestanas principais

Unha nova proba de Agility puntuable para o campionato de España celebrarase esta fin de semana no Milladoiro

Venres, 26 de xullo de 2019

O campo de fútbol do Milladoiro acolle esta fin de semana unha nova proba de Agility que puntúa para o campionato de España. Organizada polo club canino Amizar Agility, a proba conta coa colaboración do Concello de Ames, da S.D. Milladoiro, da empresa Arion e da clínica veterinaria Media Lúa. Hai inscritos arredor de 70 cans, que competirán en tres días, dende o venres 26 ao domingo 28 de xullo. Domingos Carneiro exercerá como xuíz nesta competición.

O club canino Amizar Agility organiza novamente unha proba tripla que puntúa para o campionato de España 2020 da Real Sociedade Canina de España. Desta volta, a competición desenvolverase en tres días. O venres 26 e o sábado 27, as probas comezarán ás 16:30 horas, mentres que o domingo serán a partir das 09:30 horas. En función do tamaño dos cans, estes serán divididos en tres categorías diferentes: mini, midi e estándar. A primeira inclúe animais que saltando non conseguen superar os 30 centímetros. A segunda abrangue aqueles outros cuxo chimpo acada alturas de 40/50 centímetros. A terceira das categorías, a estándar, inclúe os cans de maior tamaño que conseguen realizar saltos de ata 60 centímetros.

Asemade, a competición presenta tres graos diferentes. O primeiro equivalería a un nivel de iniciación, en tanto que o segundo sería un nivel intermedio. O terceiro dos graos é o máis elevado da competición, ao presentar maiores esixencias para os animais e pistas de maior dificultade. E cada un dos graos conta con dúas probas: o jumping e o agility. O jumping está conformado por circuítos nos que as zonas de contacto non están presentes, polo que os animas alcanzan maiores velocidades. O agility, ao contrario, si que presenta zonas de contacto, as cales deben ser tocadas polas cans no desenvolvemento da proba.

Unha das novidades que presenta esta nova proba de Agility é que poderán participar cans en grao cero (pre-agility). Estas probas inclúense ao final das xornadas de venres e sábado e, se ben teñen carácter competitivo, non serán puntuables. A idea é que eses cans que se están a iniciar nesta modalidade teñan un adestramento en contacto coa competición.

Ligazóns:

Compostela 24 horas: "Unha das probas do campionato canino de España celebrarase en Milladoiro"

Cartel da proba de Agility

Multimedia

  • Cartel da proba de Agility