Pestanas principais

Unha representación da corporación municipal reunirase o día 7 de marzo en Madrid co Director xeral de Estradas do Ministerio de Fomento

Mércores, 28 de febreiro de 2018

[28-02-2018] Este martes, 27 de marzo, constituíuse a Plataforma veciñal da N-550 co obxectivo de reivindicar a humanización da avenida Rosalía de Castro como punto peonil e de esparexemento para a veciñanza. Preto de 100 persoas participaron na primeira xuntanza de dita Plataforma. De xeito parello creouse unha comisión de traballo, para abordar as diferentes iniciativas que se levarán a cabo, que queda formada por 16 veciños e veciñas voluntarios/as. Ademais, en dita xuntanza informouse de que o Ministerio de Fomento atendeu a solicitude do Concello de Ames. Deste xeito, unha representación da corporación municipal reunirase o vindeiro mércores, 7 de marzo, ás 12:00 horas, en Madrid co Director xeral de Estradas, Jorge Urrecho.


O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu este martes pola tarde a xuntanza de constitución da Plataforma veciñal da N-550. Arredor de 100 persoas asistiron a esta reunión. De xeito paralelo creouse unha comisión de traballo, que será a encargada de estudar as diferentes medidas que se poidan adoptar a curto prazo e a longo prazo, para conseguir desviar o tráfico que pasa polo medio do Milladoiro. En dita comisión participarán, polo de agora, un grupo de 16 veciños e veciñas voluntarios/as que mostraron a súa dispoñibilidade no encontro de onte.

Nesta xuntanza deuse conta dunha boa nova como é que o Ministerio de Fomento respondeu de xeito positivo á solicitude de reunión feita pola corporación municipal de Ames. Deste xeito, o vindeiro, 7 de marzo, ás 12:00 horas, unha pequena delegación da corporación municipal reunirase en Madrid co Director xeral de Estradas, Jorge Urrecho. Nesta xuntanza os representantes do Concello de Ames solicitarán medidas a curto prazo para minorar a densidade do tráfico que circula diariamente polo N-550 ao seu paso polo Milladoiro.

O alcalde de Ames, José Miñones, explicou que “levamos moitos anos pedindo que o Ministerio de Fomento nos escoite, polo que a convocatoria desta xuntanza xa é un avance. Unha vez teñamos dita reunión en Madrid convocaremos a comisión de traballo da Plataforma veciñal da N-550 para expoñer o alí falado e decidiremos as accións e medidas a adoptar. É importante que a veciñanza se implique e faga forza. Este vai ser un proceso que vai a ter longo percorrido, haberá algunhas medidas que se poidan adoptar de xeito inmediato, pero outras van a ser a longo prazo. Aínda así o imporante, neste caso a diferencia doutras experiencias anteriores, é que chegamos a un acordo entre as sete forzas políticas para tratar de resolver esta vella demanda do Milladoiro”.

Dende o goberno municipal indican que se vai tratar de implicar nesta plataforma ás diferentes asociacións deportivas e de comerciantes, ás ANPAS e a outras entidades municipais co obxectivo de que haxa un representante de cada unha destas entidades na comisión de traballo. Na xuntanza deste pasado martes todas as persoas asistentes asinaron o documento de constitución da Plataforma. Este mesmo documento estará dispoñible en varios establecementos hostaleiros e comercios para recoller o número máximo de sinaturas.

Posibles medidas a adoptar
En función do resultado da xuntanza da próxima semana en Madrid a Plataforma adoptará as medidas que estime oportunas como poden ser concentracións, cortes de tráfico, etc. Ademais, na reunión de onte acordouse seguir coa recollida de firmas para a Plataforma e poñer en marcha a recollida online a través de Change.org. Falouse das diferentes posibilidades que existen para poder reducir o número de vehículos que pasan pola avenida de Rosalía de Castro como poden ser a regularización dos semáforos para incrementar o tempo de espera e que os condutores opten por non circular por esta rúa.

O rexedor municipal tamén indica que “unha vez nos reunamos en Madrid co Ministerio de Fomento solicitaremos unha xuntanza coa Consellería de Infraestruturas para darlle traslado do alí falado e para que medie entre o Concello e o Ministerio na procura dunha solución o mais rápida posible”.


Contido relacionado


Ames Go: "Unha representación da corporación municipal reunirase o día 7 de marzo en Madrid co Director xeral de Estradas do Ministerio de Fomento"
Lindeiros: "A Plataforma N-550 do Milladoiro constitúese sen peticións concretas"
Compostela 24 horas: "Milladoiro constituyó la Plataforma Veciñal N-550"
El Correo Gallego: "La Plataforma traslada a Fomento en Madrid las demandas de Milladoiro"
La Voz de Galicia: "Fomento analizará las demandas para humanizar la N-550 en Milladoiro"