Pestanas principais

Unha trintena de actividades compoñen a nova programación cultural e deportiva do Concello de Ames

Sábado, 04 de abril de 2015

[04-04-2015] O Concello de Ames pon en marcha un amplo programa de actividades para os próximos meses. Obras de teatro, concursos literarios, concertos e encontros deportivos compoñen as alternativas de ocio para todos os públicos. A programación arranca cunha cita deportiva que comezou o xoves e se clausura hoxe no campo de fútbol de Bertamiráns. Trátase da IV Ames Cup, un torneo de fútbol base organizado polo Bertamiráns FC no que participarán 72 equipos de toda Galicia.

Abril, un mes para a literatura e o teatro  
O venres día 10, a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá a representación de A tropa trapalleira, unha función de BocAberta Teatro dirixida a nenos de entre 6 e 12 anos. Será ás 18:30 horas. E o venres 17 o público infantil poderá gozar dun novo número teatral na Casa da Cultura de Bertamiráns. Trátase de Ra, Ra, Ra, de Abrapalabra Creacións. Haberá unha sesión ás 12:30 horas e outra ás 18:30 horas.  

Ese mesmo día, ás 18:30 horas, no Pazo da Peregrina haberá un obradoiro enmarcado no Programa Iniciativa Xove da Xunta de Galicia que vai dirixido á mocidade, ás asociacións e aos animadores xuvenís. Trátase dunha incubadora de proxectos cara ao emprendemento sobre ‘Como impulsar as túas ideas’.

O sábado 18 na praza do Concello celebraranse os actos que conmemoran o Día do Libro. Haberá postos de venda e intercambio de libros, presentacións e obradoiros. Ademais, o grupo de teatro Os Quinquilláns ofrecerá un divertido espectáculo titulado Por que é salgada a auga do mar?, cun guión pensado para fomentar a lectura, o pensamento e a busca de explicacións. Tamén Magín Blanco achegará o seu musical A nena e os grilos. Os actos comezarán ás 17:00 horas.  

Ao día seguinte, o domingo 19, terá lugar o VI Encontro de Patinaxe das escolas deportivas municipais, de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, no pavillón de Bertamiráns. Nese mesmo escenario, o sábado 25 celebrarase o VII Trofeo de Kárate Concello de Ames, nas modalidades de kata e kumite. A partir das 16:30 horas.      

En maio: Certame Literario, bicicletas e Día das Letras Galegas
O mes de maio arrancará cunha excursión a Portugal, o sábado 2, organizada polo Concello de Ames. O sábado 9, o grupo Milladoiro ofrecerá un concerto no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 22:00 horas. Ao día seguinte celebrarase o Día da Bici, unha iniciativa que acada este ano a súa novena edición. Os deportistas deberán citarse no Pazo da Peregrina ás 11:00 horas.  

O mércores 13, para conmemorar o Día das Letras Galegas, a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá a entrega de premios do XII Certame Literario Concello de Ames e o VII Certame Artístico-Literario Intercentros. Ademais, o alumnado da Escola Municipal de Música de Ames ofrecerá un concerto a partir das 20:00 horas.  

O luns 25, na Casa da Cultura de Bertamiráns, terá lugar a clausura do obradoiro municipal de teatro, coa representación de A casona do medo. Será ás 20:00 horas. E o sábado 30 clausuraranse as escolas deportivas municipais no pavillón do Milladoiro, ás 16:30 horas.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Teatro, actos literarios y exhibiciones deportivas en el programa municipal de abril"