- Tematica
A unidade móbil de doazón de sangue estará este venres, 30 de decembro, e o sábado, día 31, no Milladoiro, na rúa Cruxa, no cruce con Rosalía de Castro. O horario será de 9:30 a 14:30 e de 15:30 a 21:00 horas o venres, mentres que o sábado se poderá facer a doazón de 10:00 a 14:30 horas. Na situación actual, a unidade traballa cun protocolo que garante a seguridade do persoal sanitario e das persoas doantes. Ademais, disponse dun teléfono gratuíto para consultar as dúbidas sobre a doazón, o número 900 100 828.
Os únicos requisitos para poder doar son ser maior de 18 anos e pesar máis de 50 quilos. É necesario almorzar e esperar dúas horas para acudir despois de xantar. As persoas doantes deberán identificarse coa súa tarxeta de doazón, DNI ou documento similar. Ademais, haberá que informar ao médico se se está tomando algún tipo de medicamento.
Teléfono de información
Na situación actual, a Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue traballa cun protocolo que garante a seguridade do persoal sanitario e dos doadores de sangue. Así mesmo, dispón dun teléfono de información gratuíto para consultar as dúbidas sobre a doazón de sangue e tamén sobre a localización das unidades móbiles da doazón de sangue, o número 900 100 828.
#súmateaonosoquipo
A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) subministra compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia. Cada día, as doazóns de sangue recollidas nos locais de doazón e nas 10 unidades móbiles que percorren os concellos galegos envíanse ás dependencias de ADOS para o seu procesamento, análise e distribución.
Os hospitais galegos precisan 10.000 doazóns de sangue cada mes, para persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancro, leucemia, transplantes de órganos… Cada día, os hospitais galegos precisan entre 400 e 500 doazóns de sangue.
> Tamén podes ver este vídeo no que se explica o proceso de doazón.