Pestanas principais

A unidade móbil de doazón de sangue estará o día 23 de agosto en Bertamiráns e o 25 no Milladoiro

Domingo, 21 de agosto de 2011

[21-08-2011] A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia achegarase a próxima semana ata Ames para que os veciños e veciñas amienses vaian doar sangue coa finalidade de axudar a garantir o labor asistencial dos centros sanitarios galegos. Bertamiráns recibirá a unidade móbil o martes 23 de agosto, en horario de 9:30 h a 14:30 h e de 15:30 h ata ás 21:00 horas, no lugar onde se atopa a parada do autobús da Avenida da Maía, fronte á Praza da Maía. Por outra banda, o núcleo do Milladoiro contará coa presenza da unidade móbil de doazón o xoves 25, en horario de agosto de 9:30 h a 14:30 horas e de 15:30 h a 21:00 horas. O autobús estará situado na rúa Curuxa ao lado do supermercado El Árbol.

O Concello de Ames e o Centro de Transfusión de Galicia (CTG) realizan, unha vez ao mes, unha campaña de doazón de sangue no Milladoiro e en Bertamiráns co obxectivo de manter o nivel de participación dos veciños e veciñas amienses posto que se trata dun dos municipios máis solidarios da área compostelá. Durante os primeiros sete meses do ano, Ames contou cun total de 745 doazóns superando o número de doazóns do mesmo período do ano pasado cun incremento do 27%.

Nos meses de verán, nos que se producen máis accidentes de tráfico, increméntase a demanda de donantes por parte dos centros sanitarios que estiman que neste período estival necesítanse 30.000 doazóns. O Centro de Transfusión de Galicia fai un chamamento a todos os galegos e galegas para conseguir as 500 doazóns diarias que axudarán ao labor asistencial dos hospitais.

O Concello de Ames é consciente da situación de necesidade en canto ao número de doazóns de sangue e atópase comprometido a facer todo o posible por aumentar as doazóns e axudar as persoas que así o precisen. Por iso, a semana pasada, a concelleira de Sanidade, Eugenia Martín, reuniuse coa representante do Centro de Transfusión de Galicia, Pilar Sobrino, coa finalidade de dotar ao municipio dun servizo de doazóns mensual nas parroquias e nas urbanizacións do concello amiense. Unha vez ao mes a unidade móbil de doazón de sangue achegarase aos núcleos rurais do municipio ou ben ás urbanizacións co obxectivo de ofrecer tódalas facilidades aos veciños e veciñas que desexen doar.

Segundo os datos facilitados polo Centro de Transfusión de Galicia durante o 2009 houbo 897 doazóns en Ames. En 2010 incrementouse o número de donantes nun 14%, rexistrándose un total de 1.019 doazóns. No que se refire ao 2011, durante os primeiros sete meses deste ano houbo 745 doazóns. O número de doazóns durante o 2011 xa é superior ao rexistrado en 2010, xa que durante os primeiros sete meses do ano pasado realizáronse 541 doazóns.

Agora mesmo existe un ratio de 37 donantes por cada mil habitantes. Dende o Concello de Ames agárdase que esta ratio se incremente chegando a 40 donantes por cada 1.000 habitantes e incluso poder superala.

Requisitos para doar

Todas aquelas persoas que teñan intención de doar sangue deberán cumprir unha serie de requisitos entre os que destacan: ter máis de 18 anos, pesar máis de 50 kg, ter comido e non doar dende fai dous meses. No caso de achegarse a doar despois do xantar é conveniente esperar dúas horas para facelo e sempre é recomendable ter algo no estómago cando se vai facer a doazón. Os homes poden donar ao ano un máximo de catro veces ao ano mentres que as mulleres poden facelo en tres ocasións.

O martes 23 de agosto, Bertamiráns terá a unidade móbil de doazón durante todo o día na avenida da Maía. O xoves da mesma semana será O Milladoiro quen reciba o autobús da doazón na rúa da Curuxa. Para o mes de setembro está previsto que a unidade móbil do Centro de Transfusións de Galicia estea o 21 no polígono Novo Milladoiro, o 22 na rúa Curuxa do Milladoiro, o 27 na avenida da Maía, en Bertamiráns, e o 29 na urbanización de Aldea Nova.

Polo tanto o 23 e o 25 de agosto en Ames unha doazón de sangue pode axudar a salvar vidas. Hoxe 500 persoas depende de ti. O teu sangue é vida. Compártea.