[19-09-2012] A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estará este xoves e venres en Bertamiráns, no lugar onde se atopa a parada do autobús da Avenida da Maía, fronte á Praza da Maía. Todos os veciños e veciñas que desexen doar poderán facelo en horario de 16:00 h a 21:00 horas. O pasado 28 de agosto a unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estivo en Bertamiráns, onde doaron un total de 83 persoas, das cales 10 foron novos doadores/as, o que supón unha taxa de preto do 13%.
Segundo os datos aportados polo Centro de Transfusión de Galicia, no que vai de ano rexistráronse entre 480 e 490 doazóns nas visitas da unidade móbil a Bertamiráns. A unidade móbil de doazón de sangue visita todos os meses o concello amiense. A través desta iniciativa trátase de garantir o labor asistencial dos centros sanitarios galegos.
O CTG anima aos cidadáns a participar na campaña de doazón 'Verán 2012', que este ano desenvólvese baixo o lema “O teu sangue é vida. Compártea. Doa Sangue”, co obxectivo de obter 40.000 doazóns entre os meses de xuño a setembro. Para o CTG, o período de verán resulta especialmente delicado no que se refire á doazón de sangue, xa que se produce unha deslocalización dos doadores e doadoras habituais e as necesidades de compoñentes sanguíneos non diminúen, xa que aumentan os accidentes de tráfico. Todos os días son necesarias 500 doazóns de sangue para que os centros sanitarios galegos poidan levar a cabo axeitadamente o seu labor asistencial.
O Concello de Ames é consciente da situación de necesidade en canto ao número de doazóns de sangue e atópase comprometido a facer todo o posible por aumentar as doazóns e axudar as persoas que así o precisen. Debido a iso, as localidades de Bertamiráns e do Milladoiro acollen unha vez ao mes a unidade móbil de doazón de sangue do Centro de Transfusión de Galicia.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "A unidade móbil de doazón de sangue estará en Bertamiráns"