Pestanas principais

A unidade móbil do programa “Coidados porta a porta” estará no Milladoiro os días 7, 8, 11 e 12 de setembro

Venres, 18 de agosto de 2023

O Concello de Ames, a través do departamento de Benestar Social, informa de que os vindeiros días 7, 8, 11 e 12 de setembro se instalará unha unidade móbil do programa “Coidados porta a porta” no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro. “Coidados porta a porta” é unha iniciativa da Xunta de Galicia que ofrece servizos gratuítos de estimulación da memoria, podoloxía e audioloxía ás persoas maiores de 55 anos. Para acceder ao servizo cómpre solicitar cita previa nos teléfonos 622 748 283 ou 623 546 992, ou ben no enderezo coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal. O horario será de 9:00 a 20:00. 

A unidade móbil do programa “Coidados porta a porta” da Xunta de Galicia vai estar no Milladoiro os días 7, 8, 11 e 12 de setembro, co fin de prestar servizos asistenciais para a prevención da dependencia á poboación maior de 55 anos. Desta forma, a veciñanza de Ames poderá gozar de atención especializada en podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria.

Neste senso, e solicitando cita previa, poderase acceder a distintos coidados das tres áreas. No servizo de podoloxía farase unha consulta básica (valoración do estado xeral do pé, corte e limpeza de unllas; eliminación de durezas, calosidades e helomas). En audioloxía, realizarase unha valoración e exploración funcional da audición e prevención da perda auditiva. Ademais, no ámbito da estimulación da memoria, levarase a cabo unha valoración cognitiva e achegaranse pautas dende unha perspectiva terapéutica de como previr e aminorar un deterioro, en caso de habelo.

Para máis información sobre este servizo e para solicitar cita previa, pódese chamar aos teléfonos 622 748 283 ou 623 546 992, ou ben escribir ao enderezo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal. Tamén se pode consultar o tríptico do programa premendo nesta ligazón.

Nesta ocasión, ofrecerase tamén unha charla informativa gratuíta sobre prevención e coidados básicos do oído, que se desenvolverá na Casa da Cultura do Milladoiro ás 19:00 horas, nunha desas catro xornadas, aínda por determinar.

“Coidados porta a porta”, un servizo da Xunta de Galicia, está financiado con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), da Unión Europea, transferidos a Galicia polo Goberno de España, que están facendo posible a oferta deste tipo de programas.

Cartaz do programa Coidados porta a porta

Multimedia

  • Cartaz do programa Coidados porta a porta