Pestanas principais

Uns 148 profesionais asistiron a novena edición do evento Lab Class “Inventa a túa comunicación”

Martes, 27 de setembro de 2016

[27-09-2016] O pasado 16 de setembro Ames acolleu a novena edición do Lab Class “Inventa a túa comunicación”, un evento que estivo organizado pola empresa amesá Escuela Inventa en colaboración co Concello de Ames. Trala realización desta nova edición, a organización fai balance tanto desta cita como das anteriores. Na última Lab Class participaron 148 profesionais de diversos sectores empresariais. Os eventos contan con picos de asistencia e momentos de maior afluencia, polo que neste caso se estableceu o pico máximo de asistencia en 121 persoas.

Na última edición da Lab Class bateuse o récord de inscricións cun total de 166 inscritos ao evento. En canto á asistencia, houbo 148 profesionais que estiveron no evento, o que significa que tan só 18 persoas inscritas non asistiron finalmente. Isto supón unha taxa de asistencia do 89%. En eventos de acceso libre e sen custo considérase unha boa asistencia se supera o 50% de inscricións previas realizadas. Os eventos contan con picos de asistencia e momentos de maior afluencia, polo que se estableceu o pico máximo de asistencia en 121 persoas.

Cruzando os datos de asistencia desta Lab Class con anteriores edicións obsérvase que 103 persoas eran novas, o que denota un avance de cara a abrir estes eventos a novos profesionais. Deste xeito, cada vez coñécense máis os eventos Lab Class - Inventa a túa Comunicación, que se desenvolven no Milladoiro. Tamén moitos dos asistentes repiten experiencia. Así, 55 persoas a edicións anteriores. A evolución de asistencia a estes eventos é positiva. Pasouse de 35 asistentes na primeira edición aos preto de 150 rexistrados na última Lab Class.

O alcalde de Ames, José Miñones, que asistiu á última edición dos Lab Class explica que “o concello de Ames estase a situar como un referente en materia de emprendemento e eventos deste tipo onde aproveitamos para dar a coñecer a nosa capacidade de albergar novas empresas e emprendedores. O atractivo do parque empresarial Novo Milladoiro e as oficinas de emprendemento de Santiago Sur fan de Ames un bo lugar para as relacións entre profesionais e empresas, que dende o goberno municipal queremos seguir apoiando”.

O valor da comunicación nas empresas
As Lab Class son eventos abertos nos que se resalta o valor da comunicación nas empresas, asociacións e colectivos. Para os relatores, que participan nos seminarios, é unha oportunidade para vivir unha experiencia real falando en público. Para os asistentes unha oportunidade para comprender que todo aquel que o propoña, pode mellorar a súa comunicación para que a súa empresa, institución ou colectivo, chegue a máis persoas.

Os asistentes aos eventos Lab Class son fundamentalmente perfís profesionais: traballadores, empresarios, xerentes, profesionais liberais, mandos intermedios de empresas e institucións do tecido empresarial galego. Os principais lugares de procedencia destes perfís son: Ames, Santiago e arredores, Ourense, Vigo, Pontevedra e Coruña. Os sectores de empresas asistentes son moi variados destacando en maior medida o sector TIC, sector enerxético, alimentario, banca, téxtil, seguridade, comercio, turismo, e sector servizos. Algunhas das empresas do polígono Novo Milladoiro que asistiron ás Lab Class son: Altia, Augaplus, Tecalis, Extinfer, Escenoset, Tesec, Natex, etc.

O director de Escuela Inventa, Eloy Gesto, agradeceulle ao Concello de Ames “a súa colaboración e implicación por facilitar un espazo onde levar a cabo estas sinerxías empresariais e contribuír á mellora de relacións dos empresarios amesáns, santiagueses e doutros puntos do territorio galego. Temos unha conclusión clara, este tipo de actividades e eventos provoca que Ames sexa un punto de encontro de profesionais e empresas cada vez que se celebra cada unha das Lab Class. Non estamos a falar de profesionais ou empresas comúns, senón perfís dinámicos que están a traballar desde unha perspectiva fresca e moderna, e que son o futuro empresarial de Galicia”.