Pestanas principais

Uns 2.500 alumnos/as de educación infantil e primaria iniciaron hoxe o curso escolar en Ames

Xoves, 09 de setembro de 2021

Un total de 2.500 nenos e nenas do concello de Ames deron comezo esta mañá a un novo curso escolar. Os colexios do concello, a escola de educación infantil do Milladoiro e as escolas unitarias abriron as súas portas con total normalidade. Previamente, durante os meses de verán, no marco do plan de mantemento estival que se realiza todos os anos, o Concello executou diversos de traballos de mantemento e reparación nos colexios do municipio. Premendo nesta ligazón poderás consultar os plans de adaptación dos servizos complementarios de educación do Concello De Ames ao contexto Covid-19 para o curso 2021/2022.

Esta maña botou a andar o curso escolar 2021-2022 nos centros escolares de infantil e primaria. O inicio do curso comezou con normalidade en todos os centros de ensino do municipio. A Policía Local realizou un operativo especial co obxectivo de regular o tráfico nas entradas dos colexios. Neste curso escolar, que vén de comezar nos centros de Ames, hai escolarizados uns 2.500 nenos e nenas que cursarán estudos de infantil e primaria.

Sobre o inicio do curso escolar e os protocolos a seguir en función da evolución da pandemia da Covid-19, o concelleiro de Educación, David Santomil, destacou que “afrontamos con optimismo o comezo das clases, xa que as medidas que se adoptaron o curso pasado funcionaron e, se ben é posible flexibilizar un pouco esas medidas, arrancamos cuns protocolos moi similares aos que tiñamos antes das vacacións de verán. Esto danos a experiencia necesaria para saber que cousas funcionan ben e cales se poden mellorar, pero partindo unha situación de garantía e seguridade máxima nos centros escolares de Ames”.

Na Escola de educación infantil do Milladoiro hai da orde de 300 nenos e nenas matriculados; no CEIP da Maía hai 570 matriculados/as; o CEIP Agro do Muíño conta 490 alumnos/as; no CEP de Ventín hai en torno aos 600 rapaces e rapazas de primaria, mentres que no CEIP de Barouta son 250 os alumnos/as matriculados/as para este curso.

As clases tamén deron comezo nas escolas unitarias. A escola de Covas recibiu a 12 nenos e nenas, mentres que a da Igrexa, en Ortoño, acolleu na mañá de hoxe a 17 cativos/as. Por último, no colexio Alca esta mañá comezaron as clases sobre 200 alumnos/as.

Novo comedor no CEIP A Maía
Unha das principais novidades que deixa o inicio do novo curso escolar e a posta en funcionamento do novo comedor do CEIP da Maía. O edificio destaca pola súa luminosidade e colorido exterior. Trátase dun edificio plenamente integrado na área exterior do centro escolar que se atopa onde estaba o antigo comedor deste colexio. O novo comedor dispón dunha capacidade de 230 prazas, acadando as 460 prazas en dúas quendas.

Este novo comedor enmárcase dentro da Rede municipal de comedores escolares xestionada pola Concellaría de Educación, da que xa forman parte máis de 1.400 usuarios/as entre os sete centros escolares CEIP A Maía, CEIP de Barouta, CEIP Agro do Muíño, CEP de Ventín, EEI Milladoiro, EEI da Igrexa - Ortoño e a EEI de Covas.

Reparacións e mantementos
Durante os meses de verán realizáronse diversos de traballos de mantemento e reparación nos colexios do municipio, onde destacan os traballos de carpintería, fontanería ou electricidade. Asemade, as principais actuacións leváronse a cabo na reparación e mantemento das pistas polideportivas dos pavillóns do CEIP de Barouta e o CEIP Agro do Muíño, no marco do Plan de Mellora de patios escolares do Concello de Ames. O plan contemplaba neste ano 2021 a reparación dos patios destes dous centros educativos, cunha contía da execución é de 34.998,99 euros.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Comienzan curso en el municipio más joven unos 2.500 escolares"

Revista AmesGO: "Volta ao cole para 2.500 cativos en Ames"

1º Día de curso. Agro do Muíño

Multimedia

  • 1º Día de curso. Agro do Muíño
  • 1º Día de curso. Agro do Muíño
  • 1º Día de curso. Agro do Muíño
  • 1º Día de curso. Agro do Muíño