- Tematica
Un total de 2.540 nenos e nenas do concello de Ames deron comezo esta mañá a un novo curso escolar. Os colexios do concello, a escola de educación infantil do Milladoiro e as escolas unitarias abriron as súas portas con total normalidade. Previamente, durante os meses de verán, no marco do plan de mantemento estival que se realiza todos os anos, o Concello executou diversos de traballos de mantemento e reparación nos colexios do municipio por valor de máis de 40.000 euros.
Esta maña botou a andar o curso escolar 2019-2020 nos centros escolares de infantil e primaria. O inicio do curso comezou con normalidade en todos os centros de ensino do municipio. A Policía Local realizou un operativo especial co obxectivo de regular o tráfico nas entradas dos colexios. Neste curso escolar, que vén de comezar nos centros de Ames, hai escolarizados 2.540 nenos e nenas que cursarán estudos de infantil e primaria.
Na Escola de educación infantil do Milladoiro hai 319 nenos e nenas matriculados (100 nenos/as de 3 anos, 98 rapaces e rapazas de 4 anos e 121 alumnos/as de 5 anos); no CEIP da Maía hai 615 matriculados/as (178 alumnos/as de infantil e 437 de primaria); o CEIP Agro do Muíño conta 493 alumnos/as (150 nenos/as de infantil e 343 de primaria); no CEP de Ventín hai 621 rapaces e rapazas de primaria, mentres que no CEIP de Barouta son 275 (75 nenos/as de infantil e 200 de primaria) os alumnos/as matriculados/as para este curso.
As clases tamén deron comezo nas escolas unitarias. A escola de Covas recibiu a 6 nenos e nenas, mentres que a da Igrexa, en Ortoño, acolleu na mañá de hoxe a 18 cativos/as. Por último, no colexio Alca esta mañá comezaron as clases un total de 193 alumnos/as (62 nenos/as de infantil e 131 de primaria).
40.000 euros en reparacións e mantementos
Previamente, durante os meses de verán realizáronse diversos de traballos de mantemento e reparación nos colexios do municipio. Deste xeito, dende o Concello de Ames realizáronse melloras nos centros escolares públicos de ensino infantil e primaria, no marco do plan de mantemento estival que realiza todos os anos.
O importe destinado a estas actuacións superou os 40.000 euros na realización de traballos de reparación e mantemento, onde destacan os traballos de pintura, fontanería, electricidade e mellora da seguridade viaria na contorna dos centros escolares.
Os centros escolares onde se realizaron actuacións do plan de mantemento estival foron o CEIP Barouta, EEI Covas, CEIP A Maía, CEIP Agro do Muíño, EEI A Igrexa - Ortoño, CEP Ventín e EEI Milladoiro.
Ligazóns:
Compostela 24 horas: "Uns 2.540 alumnos de educación infantil e primaria iniciaron onte o curso escolar en Ames"