- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade, vén de darlle traslado á Dirección Xeral de Mobilidade de diversas queixas e reclamacións recibidas en relación á calidade do transporte metropolitano da Xunta de Galicia. Estas queixas, como todas aquelas que chegan a o Concello, son enviadas á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que ten as competencias autonómicas de mobilidade. Dende o Concello anímase á veciñanza a que traslade as súas queixas e reclamacións a través do correo electrónico mobilidade@concellodeames.gal ou achegándoas polo rexistro municipal.
Dende o Concello de Ames faise pública unha das moitas reclamacións e queixas que chegan en relación á calidade do transporte metropolitano da Xunta de Galicia. Esta queixa será remitida á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que ten as competencias autonómicas de mobilidade.
En dita queixa atínxese á falta de seguridade das persoas usuarias na liña de autobús interurbano A Gándara-Rúa da Rosa e dos usuarios do autobús de Bertamiráns. Segundo o escrito presentado no Concello para as persoas usuarias do transporte público, en especial aqueles/as usuarios/as que collen o autobús durante as primeiras horas do días, entre as 7:50 e as 9:50, resulta practicamente imposible dispor dun asento libre, unha vez a liña de autobús entra no núcleo urbano.
Ademais, pon de manifesto a falta de frecuencias nestas liñas de autobús o que provoca aglomeracións nas paradas e nos propios autobuses que circulan cos pasillos cheos de persoas. Moitos dos usuarios/as quedan abandonados nas paradas debido á gran cantidade de persoas que viaxan nos autobuses e pola falta de máis frecuencias en ditas liñas. Por último, solicita un servizo digno de transporte público no que se poida viaxar coas correspondentes medidas de seguridade, para garantir a saúde física das persoas que viaxan en autobús.
Anímase á veciñanza a dar traslado das queixas
Deste xeito, dende o Concello de Ames anímase á veciñanza a dar traslado das queixas e incidencias acontecidas tanto na liña, que une as parroquias de Ortoño, Bugallido e Costoia ata Santiago, como no transporte metropolitano dos núcleos urbanos de Ames, para remitirllas á Dirección Xeral de Mobilidade.
Xa son moitas as incidencias ao longo do tempo tanto no transporte metropolitano regular como no servizo de interese municipal (SIMU), informadas todas elas e sen solución por parte da administración competente, a Xunta de Galicia.
Se tes algo que dicir sobre esta cuestión (incumprimentos de horarios e traxectos, vehículos inadecuados, frecuencias insuficientes, problemas de seguridade, exceso de persoas nos autobuses) ponte en contacto co Concello, a través do correo electrónico mobilidade@concellodeames.gal, ou presenta un escrito no rexistro municipal.
CARTA ENVIADA POR UNHA USUARIA DO TRANSPORTE METROPOLITANO DA XUNTA DE GALICIA:
“O pasado xoves 13 de marzo a miña nai puña rumbo ao seu traballo coma calquera día corrente, collendo o autobús interurbano A Gándara-Rúa da Rosa ás 10:50 na nosa vila, Bertamiráns. De súpeto, na parada da Barcia, ao carón do Centro Superior de Hostalaría, tres gardas civís e unha reporteira interromperon o seu camiño; fixeron parar en seco ao condutor coa fin de introducirse no vehículo e comezar a avisar aos viaxeiros da obrigatoriedade de levar posto o cinto de seguridade, pois o importe da multa polo incumprimento da norma podía ascender a 200 euros.
A nova medida espertou a risa de varios usuarios do transporte público, en especial a de aqueles que collen o autobús nas primeiras horas do días, entre as 7:50 e as 9:50, onde conseguir un asento libre convértese en tarefa imposible unha vez a liña entra no núcleo urbano. Xente empurrándose nas marquesiñas e nas colas para entrar no autobús, os corredores do vehículo cheos de persoas unhas enriba de outras, estudantes e traballadores que quedan abandonados nas paradas porque o nivel de abarrotamento e tal que non entra ninguén máis no coche, son algunhas das imaxes que vemos desde fai anos os usuarios do bus de Bertamiráns.
Como persoa que colle a liña das 8:20 para ir ao meu centro de ensino cada mañá, pregúntome a onde se pretende que enganche o meu cinto de seguridade se a maioría das veces adoito ir de pé encaixada entre a xente para non bater no chan. Por suposto que as medidas de seguridade na estrada son precisas para garantir a saúde física de aqueles que viaxamos en autobús, pero, se de verdade preocupa tanto esta cuestión, é preciso ofrecer primeiro un servizo digno de transporte público no que non poña a miña vida en perigo cada día”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El Concello de Ames traslada a la Xunta quejas por el mal servicio del transporte metropolitano"
El Correo Gallego: "Ames traslada a la Xunta quejas sobre los buses metropolitanos"
Lindeiros: "Transporte metropolitano: mal servizo e multas aos usuarios?"