Pestanas principais

A veciñanza de Ames participa nos actos para conmemorar o Día Internacional de Eliminación de Violencia Contra as Mulleres e na campaña En negro contras as violencias

Martes, 26 de novembro de 2019

O Concello de Ames e maila Plataforma Feminista Galega de Ames colaboraron na organización dos actos conmemorativos do Día Internacional de Eliminación de Violencia Contra as Mulleres celebrados este luns, 25 de novembro, pola tarde na praza do Concello en Bertamiráns. Primeiro leuse un manifesto, apoiado por todos os grupos políticos municipais, e de seguido, seis mulleres do goberno municipal e da Plataforma feminista fixeron unha performance para visibilizar o problema da violencia machista. Un bo número de veciños e veciñas de todas as idades achegáronse ata a praza do Concello para participar nestes actos. Ademais, por cuarto ano consecutivo Ames participou na campaña En negro contra as violencias na que participaron máis de 150 axentes sociais.

Este luns, 25 de novembro, conmemorouse o Día Internacional de Eliminación da Violencia Contra as Mulleres. Para a súa conmemoración, o Concello de Ames e a Plataforma feminista galega de Ames realizaron diversos actos na praza do Concello, en Bertamiráns. En primeiro lugar fíxose o reparto do material da campaña En negro contra as violencias no interior da Casa do Concello. Deste xeito, os veciños e veciñas que participaron neste acto puideron poñer unha camisola con diferentes lemas contra a violencia de xénero ou coller pins, marca páxinas de madeira, bolsas de tea e cadernos.

De seguido, na praza do Concello, leuse un manifesto, apoiado por todos os grupos políticos municipais, e de seguido, seis mulleres do goberno municipal e da Plataforma feminista fixeron unha performance para visibilizar o problema da violencia machista. As protagonistas foron MULLERES (Pilar, Ana, Chiruca, Eva, Bea e Marta) diversas e diferentes, pero que comparten a mesma visión do feminismo e da igualdade. Desta vez,  representaron un obradoiro de teatro e corporalidade para desenvolver unha acción escénica que denuncia as múltiples violencias que cada día sofren por ser mulleres.

Un bo número de veciños e veciñas de todas as idades achegáronse ata a praza do Concello para participar nestes actos e tinguir a praza de negro en mostra de repulsa da veciñanza amesá á violencia de xénero. Posteriormente, representantes do goberno municipal e da Plataforma feminista de Ames participaron na concentración celebrada na praza 8 de Marzo, en Santiago de Compostela.

Estas actividades súmanse ás IX Xornadas Acércate de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero, que se desenvolveron o pasado xoves, 21 de novembro, na Casa da Cultura do Milladoiro. Estas xornadas estiveron centradas na coeducación e o feminismo como movemento para abordar os desequilibrios de poder, con máis de 15 intervencións que se desenvolveron ao longo de toda a xornada.

En negro contras as violencias
O Concello de Ames uniuse, un ano máis, á campaña En negro contras as violencias, na que este ano participaron 138 municipios de Galicia e mailas Deputacións de A Coruña, Lugo e Pontevedra. A través desta iniciativa, procúrase fomentar a sensibilización cidadá contra as violencias machistas no eido municipal, a través da coordinación entre concellos de diferentes cores políticas. Con ela tamén se pretende implicar ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento á violencia de xénero e dos asasinatos machistas, incidindo, de maneira especial, nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia contra as mulleres.

Ao eido desta iniciativa, Ames puxo a andar a cuarta edición da campaña Ames en Negro entre os días 18 e 25 de novembro, na que este ano participaron máis de 150 axentes sociais, entre establecementos hostaleiros, comercios, empresas, asociacións, clubs deportivos, e toda a comunidade educativa do concello. A transversalidade da campaña, que aglutinou a moi diversos actores dos sectores económico e social e a parte importante da cidadanía de Ames, contribuíu ao aumento da súa visibilidade con respecto a anos anteriores.

Asemade, nos centros de ensino de Ames tamén se realizaron actividades, como os Obradoiros de Bo Trato para o alumnado de primeiro da ESO dos centros IES do Milladoio e IES de Bertamiráns. Finalmente compre engadir que existe unha campaña que está vixente todo o ano: Súmate a Igualdade. Coa que se trata de concienciar a toda a poboación da lacra social que constitúe a violencia de xénero e de que está na nosa man acabar con ela, co compromiso de toda a poboación.

 

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Pola erradicación da violencia sexista"

Acto do Día Internacional de Eliminación de Violencia Contra as Mulleres

Multimedia

  • Acto do Día Internacional de Eliminación de Violencia Contra as Mulleres
  • Acto do Día Internacional de Eliminación de Violencia Contra as Mulleres
  • Acto do Día Internacional de Eliminación de Violencia Contra as Mulleres
  • Acto do Día Internacional de Eliminación de Violencia Contra as Mulleres
  • Performance para visibilizar o problema da violencia machista
  • Performance para visibilizar o problema da violencia machista
  • Performance para visibilizar o problema da violencia machista
  • Performance para visibilizar o problema da violencia machista
  • Performance para visibilizar o problema da violencia machista
  • Campaña Ames en Negro
  • Acto do Día Internacional de Eliminación de Violencia Contra as Mulleres no IES de Ames
  • Campaña Ames en Negro
  • Campaña Ames en Negro
  • Campaña Ames en Negro
  • Campaña Ames en Negro
  • Campaña Ames en Negro