Pestanas principais

A veciñanza de Ames pode participar na convocatoria de axudas para a rehabilitación de vivendas no ámbito dos Camiños de Santiago

Venres, 16 de xuño de 2017

[16-06-2017] O Concello de Ames, a través da concellaría de Participación e Atención Veciñal e Promoción Económica, informa sobre a orde de subvencións para actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito da área de rehabilitación integral (ARI) dos Camiños de Santiago, na que se atopan as parroquias de Agrón, Covas, Lens e Transmonte (toda a parroquia) e Ames e Biduído (só o trazado dos Camiños de Fisterra-Muxía e o Portugués). A devandita orde sae publicada no Diario Oficial de Galicia (DOGA) do 14 de xuño. As axudas poderán solicitarse ata o 30 de novembro.

A Xunta de Galicia vén de sacar un programa de axudas para a rehabilitación de vivendas e edificios de vivendas no marco da área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, tal como establece a Orde que hoxe publica o 14 de xuño o Diario Oficial de Galicia pola que se regulan e convocan estas axudas. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as comunidades de propietarios, as agrupacións de comunidades de propietarios e as persoas físicas propietarias únicas de edificios ou de vivendas que estean emprazadas no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago e estean en posesión da correspondente resolución de cualificación definitiva outorgada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

O importe máximo da axuda será de 15.000 euros por vivenda, dos que 11.000 serán de financiamento estatal e non poderán superar máis do 35 por cento do orzamento e 4.000 de financiamento autonómico, co límite do 10 por cento do orzamento. As persoas interesadas en acceder a estas axudas poderán solicitalas dende mañá e ata o 30 de novembro de 2017, salvo que se esgote antes o crédito orzamentario. A área de rehabilitación dos Camiños de Santiago creouse o 17 de decembro de 2010, en acordo da Comisión Bilateral de Vivenda Xunta-Ministerio de Fomento. A delimitación da ARI comprende o trazado das setes rutas do camiño en Galicia (francés, da prata, inglés, primitivo, norte, Fisterra-Muxía e portugués).

Ames é un dos poucos concellos galegos polo que discorren máis de un dos camiños de peregrinación xacobea. Dúas rutas de peregrinación discorren polo seu termo municipal: o Camiño Real de Santiago a Fisterra, Muxía e o Camiño Portugués. Debido a esta circunstancia, as persoas/comunidades/agrupacións con edificios ou vivendas nas parroquias polas que discorren algún destes dous camiños poden acollerse a este programa de rehabilitación de vivendas.

As parroquias afectadas son Agrón, Covas, Lens e Transmonte (toda a parroquia) e Ames e Biduído (só o trazado dos Camiños de Fisterra-Muxía e o Portugués). As actuacións contempladas neste programa son obras de mantemento co obxectivo de adecuar os edificios á normativa vixente; obras para a mellora da eficiencia enerxética do edificio e vivenda; obras para mellorar as condicións de accesibilidade aos edificios e os accesos ás vivendas e locais e a súa adaptación á normativa enerxética.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Abierto el plazo para solicitar ayudas para rehabilitar viviendas"